O BNG propón poñer en marcha un Plan de Impulso da Rede Museística de Vigo

A fronte nacionalista advirte que os plans do Goberno municipal para o MARCO poden “botar por terra o traballo de máis dunha década”.
Por o 05/12/2017 | Sección: BNG,Cultura,Galicia,Política,Vigo
O BNG propón poñer en marcha un Plan de Impulso da  Rede Museística de Vigo

A incerteza que neste momento paira sobre o futuro do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo é para o BNG “un claro síntoma da ausencia dunha política cultural na cidade”. A fronte nacionalista denuncia a falla dun “proxecto claro” por parte do Goberno municipal para a posta en valor do conxunto da rede museística da cidade. Neste sentido, urxen o Concello de Vigo a poñer en marcha un Plan de Impulso da Rede Museística, que permita unha mellor dinamización dos  diferentes espazos expositivos e que potencie o seu atractivo como oferta cultural. Esta proposta será incluída nas emendas aos orzamentos municipais de 2018 que a organización nacionalista está a ultimar.

“Vigo goza de espazos museísticos cun inmenso potencial, pero a ausencia dunha política cultural por parte do Goberno municipal tenos reducidos a meros ‘contedores’, sen proxección de futuro, sen coordinación entre eles e sen aproveitar todas as súas capacidades”, denuncia o responsábel local do Bloque en Vigo, Serafín Otero. O BNG inscribe a polémica aberta a respeito do futuro do MARCO na situación de “coma museístico” que padecen outras instalacións como a Pinacoteca Municipal, o Centro de Fotografía ou o Vérbum.

Desde a fronte nacionalista demandaron de xeito reiterado nos últimos anos, tanto a Concello como a Xunta, unha “aposta clara e firme pola posta en valor dos museos, para os poñer ao servizo da veciñanza e da proxección da cidade”. En todas as emendas orzamentarias, tanto aos presupostos da Xunta como nos municipais, o Bloque demandou unha maior dotación económica para prover dos recursos necesarios para “revitalizar o conxunto dos museos e espazos expositivos da cidade”. “Nisto tanto PP, na Xunta, como o PSOE no Concello, coincidiron sempre negando eses recursos”, denuncian.

MARCO

En relación a unha hipotética redefinición do proxecto museístico do MARCO, desde o BNG consideran “moi preocupantes” as declaracións realizadas nas últimas semanas por parte de Abel Caballero. Nese sentido, Otero advirte de que os plans do actual Goberno municipal “poden botar por terra o traballo de máis dunha década que converteu o MARCO nun referente da arte contemporánea, xa non en Vigo e a súa Área Metropolitana, senón para o conxunto de Galiza e mesmo a nivel de Estado”.

“O que precisa o MARCO non son improvisacións dun Alcalde metido a experto programador de museos, senón que se redobre a aposta por revitalizalo xunto ao conxunto da rede museística da cidade”, acrecenta o responsábel do BNG DE Vigo. Por derradeiro, desde a fronte nacionalista xulgan “urxente” poñer en marcha o procedemento de selección da nova dirección do MARCO, mediante “un concurso público, aberto e respectuoso cos acordos de Boas Prácticas en Museos e Centros de Arte”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.