BNG propón reverter os saltos hidroeléctricos galegos á xestión pública e utilizalos como xeradores de crecemento

Noa Presas insta á Xunta a aproveitar a caducidade das concesións para crear un novo modelo enerxético beneficioso para Galiza, ao que se nega o PP
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de BNG,Política

BNG vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego para instar á Xunta a levar a cabo as actuacións necesarias para reverter os aproveitamentos hidroeléctricos á xestión pública e o seu aproveitamento, con fins de utilidade pública e interese social de xeito que estes recursos actúen como vector de crecemento económico, sobre todo nos territorios concretos de implantación.

A proposta nacionalista -que se desenvolvería ben a través do organismo de bacía, ben a través de entidades públicas creadas con este obxectivo- parte da necesidade de crear “un novo modelo enerxético galego”, segundo explicou a portavoz de Enerxía, Noa Presas, logo de recalcar que “hoxe seguimos sendo a reserva enerxética do Estado e seguimos séndoo cun modelo contrario aos intereses de Galiza”.

Despois de subliñar a desconformidade do BNG co actual modelo lexislativo asentado sobre a figura das Confederacións Hidrográficas, Presas instou en todo caso a “a aproveitar o marco existente para devolver ao público o que era público, ao caducaren moitas das concesións situadas no país. Neste sentido, lembrou que o actual marco legal recolle un prazo de explotación non superior a 75 anos e cinco condicionantes polos que poderían declararse caducadas, casos nos que reverterían ao Estado, gratuitamente e libres de cargas. “Mais o certo é que a vixilancia é entre anecdótica e inexistente”, advertiu.

A deputada nacionalista afeou ao PP a súa “parálise e inanición” neste contexto, no que “temos algunhas centrais e saltos que levan máis de 100 anos xerando beneficios privados a partir dun ben público”, e recordou que o Bloque xa ten levado o rescate dos saltos hidráulicos ao Parlamento con iniciativas, entre outras, como a creación dunha empresa pública para a súa xestión.

Nesta liña criticou ao Goberno de Feixóo por “non facer nada” ante a extinción de distintas concesións (seis, só na bacía de Galiza Costa) e non aproveitar a conxuntura como tamén lle propuxo o BNG no seu día na Cámara. Ao seu xuízo, esta actitude só se explica “desde a falta de ambición política e desde a conivencia coas eléctricas ás que despois van os cargos do PP vivir o seu retiro”.

A iniciativa do BNG tamén inclúe a petición á Xunta de toda a información relativa ás concesións no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costado-Augas de Galiza -incluídas as que superaron a data fin de concesión, a entidade que as xestiona e aquelas que se volveron conceder, coas súas correspondentes condicións-, mais a proposición nacionalista non prosperou polo veto do PP.