BNG propón un confinamento de dúas semanas se a curva da terceira onda non se controla de xeito inmediato

Ana Pontón: “É unha medida moi dura, pero hai que poñela sobre a mesa ante a escalada de contaxios, hospitalizacións, ingresos en UCI e falecementos”

Os datos mostran que a terceira onda é tan virulenta como a primeira, con cifras de contaxios, hospitalizacións, ingresos en UCIS e falecementos inasumibles. Con este escenario, o BNG pide tomar medidas valentes incluído un confinamento total de dúas semanas se a curva non se aplana de xeito inmediato nos próximos días.

“As restricións non están a ser efectivas nin suficientes e por iso pedimos que se tomen medidas valentes e damos ese paso cunha proposta contundente: se nos próximos días non se logra aplanar a curva, senón se logra frear o ritmo de contaxios, hospitalizacións e falecementos, -o dato máis dramático-, pedimos ao Goberno da Xunta e ao Goberno do Estado un confinamento, un confinamento que permita frear a cadea de contaxios e salvar vidas”, demandou a portavoz nacional, Ana Pontón, en rolda de prensa.

“A ninguén lle gusta o confinamento, é unha medida moi dura, pero hai que poñela sobre a mesa canto antes se os datos non melloran de xeito substancial e inmediato. Porque o que non é asumible é esta escalada do virus e senón empeza a descender xa, desde o BNG pensamos que hai que ser valente e apostar por un confinamento de dúas semanas, ampliable se fose necesario e tanto o Goberno central como o galego deben barallar esa alternativa”, explicou a líder nacionalista, subliñando que houbo un confinamento en marzo “con cifras menores”.

En termos sanitarios, o descontrol deste terceira onda repercute tamén na saúde xeral da cidadanía, porque volve haber un aprazamento de intervencións afectando de cheo a doentes con outras patoloxías que non son COVID.

Pontón volveu insistir na falaz dicotomía saúde-economía, recalcando que canto antes se controle a crise sanitaria antes se poderá levar a cabo a reactivación económica. De feito, estudios académicos demostran que o custe en vidas é menor e que a economía sofre a metade con medidas duras. “Vemos o desastre do enfoque economicista de Salvar o Nadal, porque non salvou a economía e por contra disparou a terceira onda impactando de cheo na economía e no emprego”, alegou.

Neste contexto, Pontón propón superar as medidas “brandas” e ir a un confinamento no que se habiliten axudas para manter o emprego e a actividade económica durante o tempo que duren as restricións, utilizando para iso unha parte dos 70.000 millóns de euros dos fondos europeos e os orzamentos expansivos da Xunta e Goberno central.

“É necesario que os fondos cheguen á economía real, que cheguen aos sectores e ás persoas que máis sofren a crise. Sería unha fraude usar eses recursos para engordar ás eléctricas e ás multinacionais”, indicou.

Finalmente, nese control da COVID, o BNG considera vital o Plan de vacinación polo que Pontón insiste en que o presidente da Xunta debe explicar no Parlamento cal é a estratexia, a loxística e os medios para levar a cabo un proceso sen precedentes na sanidade pública.

“Nada se sabe, aparte dos habituais titulares de prensa propagandísticos anunciando que hai 2.000 enfermeir@s preparadas para vacinar, o que lamentablemente recorda moito a cando Feixóo anunciou que había 6.000 rastrexadores e así estiveron con esa propaganda durante semanas”, criticou.”

“A situación é moi seria e require rigor,  planificación e solvencia”, ademais de reclamar a PP e PSOE que abandonen unha “confrontación estéril” que ten como último exemplo o pim-pam-pum a conta do toque de queda. É impresentable, cando estamos no medio dunha pandemia, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM