BNG reclama á Xunta a mellora da rede de saneamento da Foz do Miñor e un plan de rexeneración ambiental propio

Luís Bará urxe ao Goberno galego a impulsar un proxecto de recuperación integral para un espazo da Rede Natura que está “en situación de SOS”
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Política,BNG

O BNG vén de reclamar á Xunta no Parlamento galego que realice os investimentos necesarios para mellorar a rede de saneamento e depuración nos concellos que verten á Foz do Miñor e o desenvolvemento dun Plan de rexeneración e mellora ambiental para este espazo que forma parte da Rede Natura.

Así o demandou o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, quen urxiu ao Executivo do PP a liderar un proxecto de saneamento integral e recuperación da Foz do Miñor, en coordinación cos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar, e contando coa participación das entidades sociais de defensa do espazo. “Non é só unha cuestión de Augas de Galiza -aclaroulle á directora deste organismo público na Cámara-, senón de todo o Goberno galego que debe ter como prioridade actuar conxuntamente e buscar a maneira de colaborar cos concellos e coas confrarías e tratar de buscar unha solución ao problema”.

Logo de advertir que o proxecto corresponde á Xunta dado o seu carácter supramunicipal -“un concello non ten competencias sobre todo o espazo”, evidenciou-, Bará recalcou que non estamos ante un problema dun punto de vertido concreto nin un problema específico dunha depuradora, senón ante un problema global que afecta a todo o esteiro do Miñor. “Zona Rede Natura que está declarada nesta situación de alerta vermella e de SOS”, subliñou.

Neste sentido, Bará recuperou o estudo realizado en 2018 pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e o grupo Ecotox, no que se conclúe que, dende o punto de vista da contaminación por augas fecais, a contorna deste espazo protexido presenta unha situación análoga a “unha cloaca a ceo aberto”. De igual xeito, alertou de que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galiza (INTECMAR) chegou a cualificar o estado da Foz mesmo como “peor ca malo”.

O deputado nacionalista reclamou á Xunta que non se escude como fai habitualmente no marco competencial, “porque teñen competencias na materia”, e, nesta liña, afeoulle: “e moitas máis competencias terían se fixeran os deberes e desenvolveran o Plan de Saneamento de Galiza que agora anuncian despois de estar previsto hai moitos anos e que aínda non fixeron”. Este plan permitiría, ao seu xuízo, ter unha radiografía exacta do estado deste espazo e derivar no seu caso nun plan de saneamento local.

Por último, Bará tamén preguntou ao Executivo galego sobre as súas previsións para elaborar e aprobar o Plan de Xestión do Lugar de Interese Comunitario (LIC) A Ramallosa e proceder á ampliación deste espazo protexido como Rede Natura.