BNG reclama baixar a 4% o IVE da electricidade para abaratar a factura

Néstor Rego salientou que se trata de garantir a subministración de enerxía eléctrica, en pleno inverno, para todas as persoas consumidoras vulnerábeis. O deputado nacionalista asume que a baixada do IVE “non soluciona o grave problema dos excesivos custos da electricidade no Estado español, obxectivo que requiriría doutras medidas máis contundentes como a nacionalización do sector eléctrico”, mais destacou que serviría como unha axuda directa para facilitar o pagamento da subministración nun momento en que a maioría de fogares afrontan unha redución dos seus ingresos pola situación xerada pola pandemia de COVID-19.
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de BNG,Política

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei no Congreso para instar o Goberno español a modificar o artigo 91 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, para aplicar á distribución de auga, gas, calor, frío, enerxía eléctrica e demais modalidades de enerxía o tipo de reducido de 4% en lugar de 10%  ou 21% estabelecido actualmente na lei.

O BNG parte de que a subministración enerxética é básica na nosa sociedade, necesaria para a vida diaria esencial de todas as persoas e todos os fogares deben pagar unha factura de luz a final de mes, parte do prezo da cal para o consumidor corresponde a 21% de IVE que se aplica ao total de conceptos desagregados nela. Rego destacou que “é evidente que ese tipo xeral non é o adecuado se verdadeiramente consideramos que o consumo eléctrico é un ben esencial e necesario”.

O deputado nacionalista lembrou que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos Emerxentes recolle no seu artigo 1 o dereito á existencia en condicións de dignidade, dentro do cal se inclúe o dereito á seguridade vital, que supón “o dereito de todo ser humano e toda comunidade, para a súa supervivencia, á auga potábel e ao saneamento, a dispor de enerxía e dunha alimentación básica adecuada, e a non sufrir situacións de fame”. Ademais explicita que “toda persoa ten dereito a unha subministración eléctrica continua e suficiente e ao acceso gratuíto a auga potábel para satisfacer as súas necesidades vitais básicas”.

O BNG considera necesario protexer, neste momento -en pleno inverno e en plena crise social e económica- protexer especialmente as persoas consumidoras vulnerábeis e garantir que todas as persoas e fogares teñan acceso ás subministracións esenciais a prezos accesíbeis e en condicións adecuadas. “O actual contexto económico e social marcado pola crise económica que se deriva da pandemia da COVID-19 e das restricións aplicadas para combatela, fan necesario que se adopten medidas que sirvan de axuda ás persoas consumidoras e usuarias” subliñou Néstor Rego.

“Somos conscientes de que a baixada do IVE non soluciona o grave problema dos excesivos custos da electricidade no Estado español, obxectivo que requiriría doutras medidas máis contundentes como a nacionalización do sector eléctrico e, no caso da Galiza, unha Tarifa Eléctrica Galega” destacou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. En todo caso, a rebaixa do IVE aplicábel aos servizos de subministracións básicas como auga, electricidade ou gas -que o BNG xa presentara como emenda aos Orzamentos do Estado- reduciría de forma considerábel os custos fixos que deben afrontar todas as persoas consumidoras e usuarias. “Serviría como unha axuda directa para facilitar o pagamento desas subministracións nun momento en que a maioría de fogares afrontan unha redución dos seus ingresos pola situación actual” sinalou.