O BNG reclamará no Parlamento máis apoio para atender ás persoas afectadas por dano cerebral adquirido

Ana Pontón visita as instalacións do centro SARELA, entidade sen ánimo de lucro e referente na atención a persoas afectadas de dano cerebral adquirido, (DCA). O centro presta apoio psicolóxico, terapéutico de sensibilización e reinserción social na área sanitaria de Santiago de Compostela
Por o 12/02/2018 | Sección: BNG,Política
O BNG reclamará no Parlamento máis apoio para atender ás persoas afectadas por dano cerebral adquirido

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz municipal de Santiago, Rubén Cela,  visitaron  á sede da entidade social SARELA, un  referente na área sanitaria de Compostela en atención a persoas con dano cerebral adquirido (DCA). A entidade promove o coidado, asistencia, protección e  defensa dos dereitos destas persoas e das súas familias, así como a súa reinserción social e laboral.

EN GALIZA 35.000 PERSOAS PADECEN DANO CEREBRAL ADQUIRIDO

Tras ser recibida pola directora, Rocio García e os presidentes da Federación galega e española de Dano cerebral,  José Balboa e Luciano Fernández, a portavoz do BNG  manifestou o seu compromiso de trasladar ao  Parlamento galego  o debate sobre un problema que afecta en Galiza a 35.000 persoas e que cada ano suma 7.000 persoas máis, maioritariamente por accidentes de tráfico ou laboral.

Pontón insistiu que a  sensibilización é fundamental pero sobre todo hai  que reclamar a implicación   das administración públicas  “de maneira integral” para abordar os  problemas derivados do dano cerebral adquirido “cunha  atención específica”. Dende o BNG, dixo,  recollemos esta demanda  e  comprometemos a levar ao Parlamento o debate e a súa  visibilización.

O ESTADO DÉBELLE A XUNTA 150 M€ PARA DEPENDENCIA

Moitas das persoas con dano cerebral adquirido teñen como consecuencia unha discapacidade e somos conscientes dos problemas derivados das listas de espera ao   que a portavoz do BNG, sumou as dificultades  das persoas dependentes que non teñen cubertos os dereitos que lle recoñece a lei. Neste sentido,  denunciou que “o Estado débelle á Xunta de Galiza 150 Millóns” de euros e esa cantidade, explicou  son recursos para atender a persoas dependentes. O Goberno “ten que reclamarlle ao Estado esta cantidade”.

Tras visitar o centro, que conta con  18 anos de experiencia e 23 profesionais, (logopedas, psicólg@s, fisioterapeutas…), a portavoz do BNG afirmou que hoxe máis que nunca é necesaria unha estratexia galega para que as  persoas con dano cerebral adquirido   conten de maneira  integral con “atención sanitaria, psicolóxica, de reinserción social e laboral”. Temos que ser “sensibles”  e “non poñer máis barreiras” para que as persoas con  dano cerebral adquirido  conten cos recursos que precisan.

A portavoz do BNG reiterou o seu compromiso  a trasladar ao Parlamento galego a problemática do DCA e reclamar  un maior apoio da Administración pública para  as persoas que requiren desta atención.

Ana Pontón recolleu as demandas do equipo de dirección do centro SARELA relativas a necesidade de crear un xestor de caso, estudos sobre o dano cerebral adquirido, incrementar o número de fisioterapeutas e logopedas en Santiago e comarca, unha  maior axilidade nas valoracións de discapacidade intelectual e enfermidade mental e sobre todo denunciar “os copagos”  para acceder aos centros de día e transporte.

A portavoz do BNG felicitou á equipa que dirixe o centro SARELA  polos resultados nos tratamentos e atención das persoas afectadas de dano cerebral e o traballo que realiza o centro coas  familias dos doentes porque non só hai persoas afectadas de DCA, “a doenza afecta tamén a familia na súa totalidade”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.