BNG reúnese con asociacións de transportistas e autónomos para urxir ao goberno central a rebaixar as peaxes da AP-9

Na xuntanza houbo coincidencia en que non existen razóns obxectivas para demorar máis a aplicación das medidas acordadas para baixar as portaxes e tamén na disposición en facer chegar ao Goberno español a posición unánime dos colectivos de transportistas e autónomos favorábel a implantalas xa.
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de BNG,Política

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, integrada pola portavoz nacional, Ana Pontón, o portavoz no Congreso, Néstor Rego, e o deputado do Parlamento galego, Paulo Ríos, mantivo nesta terza feira unha reunión telemática con asociacións de transportistas de mercadorías e viaxeiros e autónomos para abordar a situación das peaxes da AP-9.

Na xuntanza, en que participaron representantes de FETRAM, FEGABUS, FEGATRAVI, APETAMCOR, Transportes Lixeiros da Coruña, APE-Galiza e ATA houbo coincidencia en urxir o Goberno a aplicar xa as medidas previstas no Acordo de Investidura para abaratar os custos das peaxes da AP-9 por non existiren razóns obxectivas para seguilas demorando.

Encontro sector transporteAdemais, como informou Néstor Rego en comparecencia de prensa posterior á reunión, as asociacións manifestaron a súa intención de se dirixir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para reclamar que se implanten canto antes trasladar unhas medidas que favorecerán a competitividade das empresas e contribuirán ao desenvolvemento social e económico precisamente nun momento en que máis se precisan de accións que o impulsen.

No mesmo sentido, diversas asociacións expresaron a disposición a apoiar mobilizacións, se foren precisas, para lograr que o Goberno cumpra os compromisos coa Galiza en relación coa Autoestrada do Atlántico. Rego reiterou a posición do BNG de chamar a sociedade galega a se mobilizar no caso de que o Goberno continúe demorando a aplicación das rebaixas.

Néstor Rego lembrou que no Acordo de Investidura asinado entre o BNG e o PSOE en xaneiro de 2020 ficaron recollidas tres medidas pensadas para abaratar os elevadísimos custos das peaxes da AP-9: liberar o tramo Vigo-Redondela; asumir con cargo aos Orzamentos do Estado o incremento de 1% anual (acumulativo durante 20 anos) consecuencia dos convenios de 2011 e 2013, de forma que non se imputase ás tarifas, e bonificar o 100% as portaxes aos usuarios recorrentes (aqueles que fagan dúas viaxes ou máis ao día, todos os días da semana, particulares e profesionais).

“Estas medidas terían de entrar en vigor no momento en que ficasen aprobados os Orzamentos do Estado, e os de 2021 entraron en vigor o 1 de xaneiro, coas partidas necesarias para poder aplicalas”, salientou o portavoz no Congreso.

Comentar noticia

Your email address will not be published.