O BNG solidarízase coa indignación manifestada polo presidente da comunidade de montes de Chandebrito polo acontecido durante a vaga de lumes

Por o 14/11/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG solidarízase coa indignación manifestada polo presidente da comunidade de montes de Chandebrito polo acontecido durante a vaga de lumes

A terríbel vaga de lumes que padecemos na fin de semana do 15 e 16 de outubro tivo unha especial virulencia na parroquia de Chandebrito, co tráxico resultado de dúas persoas falecidas, Maximina Iglesias e Angelina Otero.

O lume asolou completamente esta parroquia e provocou unha situación de emerxencia e tensión entre a veciñanza ao ver que perigaban tanto as súas vidas como as súas vivendas por mor da evidente carencia de medios para facerlle fronte ao lume, ante o desamparo ao que os condenou a pésima xestión do goberno Feixóo.

Á luz do acontecido para o BNG é obvio que no caso de Chandebrito fallou o operativo de emerxencias e que unha desafortunada decisión de desaloxo por parte dos efectivos policiais desprazados tivo como consecuencia a morte de dúas persoas.

En palabras do portavoz municipal do BNG en Nigrán, Xavier Rodríguez “entendemos que se falla o dispositivo de emerxencias e se toman decisións erradas que ocasionan a perda de vidas humanas non hai razón algunha para outorgar ningún tipo de galardón ou recoñecemento. En todo caso, se alguén o merece é desde logo a veciñanza de Chandebrito que se enfrontou practicamente soa á extinción do lume”.

Podemos comprender que nunha situación extrema como foi a que se deu en Chandebrito, non é doado tomar decisións, máxime cando os efectivos policiais desprazados carecían da preparación axeitada e do necesario coñecemento do terreo.

Pero o que nos parece de todo punto inadmisible é que ante o cúmulo de decisións erradas que provocaron ese caos, os sindicatos policiais SUP e UFP se atrevan a amedrentar a un representante veciñal por ter a valentía de trasladar o malestar e indignación da veciñanza de Chandebrito ante o acontecido nesa parroquia.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.