O BNG fíxose eco hoxe do malestar veciñal e da comunidade educativa dos IES Santa Irene e Santo Tomé por causa do “lamentábel” estado no que se atopa o valado do seu peche perimetral.
Esta mañá, ás 11h, o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, participou dunha acción simbólica ás portas do Santa Irene, xunto a veciñanza da contorna e militancia da fronte nacionalista portando carteis exixindo a Concello e Xunta que actúen de inmediato para garantir a seguridade.
“É absolutamente irresponsábel que por falla de mantemento e atención, o valado de dous centros educativos presenten este aspecto, cheos de ferraxe, con treitos carcomidos polo óxido e con tramos que están a piques de caer”, denunciou Otero. “A simple vista podemos comprobar o grao de risco. Se algún rapaz ou rapaza se colgase podería virse abaixo”, alertou.
Desde a fronte nacionalista urxen a Goberno municipal e Xunta a actuaren coa maior dilixencia. Nese sentido, demandan que tanto a Concellaría de Educación como a Xefatura Territorial de Pontevedra se poñan de inmediato a traballar conxuntamente para realizar as actuacións que sexan necesarias.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este venres que estes institutos, “emblemáticos” na cidade, presentan un enreixado en “estado calamitoso e catastrófico” e a Xunta “négase” a adecentalo, polo que será o Concello o que acometa esta mellora, que comezará nun prazo estimado de dúas semanas.
Noticias de última hora en Vigo