O BNG de Vigo chama a participar na concentración contra os tratados de libre comercio

A campaña “Non ao TTIP – Galiza”, da que fai parte o BNG, convoca unha concentración contra o CETA, este sábado 21 ás 12h no MARCO.
Publicado por o día 20/01/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG de Vigo chama a participar na concentración contra os tratados de libre comercio

O BNG de Vigo chama a toda a veciñanza da cidade a participar na concentración convocada para este sábado 21 de xaneiro, ás 12h no MARCO baixo o lema “Nin CETA, nin TTIP, nin TISA”, en oposición aos tratados de libre comercio. A convocatoria está promovida pola campaña “Non ao TTIP – Galiza”, integrada por numerosas organizacións sociais, sindicais, feministas e políticas e da que forma parte o BNG. Este acto inscríbese nunha xornada de loita que se desenvolvera en toda Europa con mobilizacións en numerosas cidades do continente contra o CETA, o tratado de libre comercio entre Canadá e a Unión Europea, que fica inmerso nun litixio a respeito da súa legalidade dado que colida coa propia normativa comunitaria

Desde o Bloque apostan nunha mobilización numerosa para “volver facer visíbel o rexeitamento social diante duns tratados de libre comercio que só procuran asegurar o lucro das grandes corporacións transnacionais, cernando dereitos e impoñendo políticas de empobrecemento”.

Temos que reivindicar máis que nunca a nosa plena soberanía fronte a acordos comerciais que colocan o lucro privado por enriba de todo, abrindo a porta a privatización masiva de servizos públicos, desregulando as condicións laborais para facilitar unha maior explotación e o empobrecemento salarial e que supoñen unha seria ameaza para o noso propio tecido produtivo”, reivindican. Aliás, lembran as “consecuencias nefastas” que xa tivo para Galiza o ingreso no Mercado Común Europeo, asegurando que o que eles chaman libre comercio, na práctica tradúcese sempre na nosa ruína como país e no noso empobrecemento como pobo”.

Na concentración o BNG participará con comitiva propia, encabezada polo seu responsábel local, Serafín Otero canda outros dirixentes e militancia da fronte nacionalista. “Os tratados de libre comercio como o CETA, o TTIP ou o TISA, o único que provocarán será máis pobreza e menos dereitos sociais. Fronte os seus tratados, nós reclamamos soberanía nacional e popular para mudalo todo, para colocar a economía ao servizo das persoas”, enfatizan.