Boletín da Marea

Publicado por o día 27/10/2014 na sección de Marea Vigo,Política

Boletín da Marea

– O pasado mércores foi un día importante no avance da Marea de Vigo.

Nos dous últimos meses os grupos de traballo de Planifiación e contidos e Comunicación traballaron arreo para sentar as bases dunha verdadeira alternativa municipalista plural e transparente. Todo este traballo foi posto en común neste primeiro Plenario da marea, un espazo de encontro ao que foron convocadas todas as persoas asinantes.

No Plenario debatemos sobre como abrir todas as portas á participación, e o resultado foi a aprobación de estratexias para chegar á veciñanza nos barrios, á xente que participa en organizacións políticas e sociais para convidala a cooperar no traballo colectivo desta marea que medra día a día.

Tamén nos dotamos dunha portavocía plural de homes e mulleres que levará a Marea ante os medios de comunicación.  Proximamente estarán dispoñibles na web da Marea de Vigo os protocolos íntegros. Para xa, enviámosvos o informe cos principais acordos aos que chegamos:

PROTOCOLO DE PORTAVOCÍA

Calquera persoa que asine o manifesto e participe nos grupos de traballo poderá ser portavoz da Marea de Vigo. Neste primeiro Plenario presentáronse voluntariamente 4 persoas e en vindeiros plenarios incorporarase máis xente. As mulleres e os homes da portavocía traballaran de xeito rotatorio e serán a voz de voces da Marea de Vigo ante os medios. Quedando conformado por Xavier Bértolo, Asunción Vaamonde, Pedro Antelo e Marta Pérez.

PROTOCOLO DE CONTACTOS CON ORGANIZACIÓNS SOCIAIS E POLÍTICAS

Os movementos sociais e as organizacións políticas que comparten os principios constituíntes da Marea son axentes fundamentais para a construción dunha alternativa real que sexa quen de gañar a cidade para a maioría social agredida.

Móvenos a necesidade de cooperar e xuntar forzas e experiencias. Por iso iniciaremos unha rolda de contactos con estas organizacións para explicarlles o proxecto da Marea e convidalas a participar dela con xenerosidade, a título individual e tecendo redes dende abaixo.

O grupo de contactos estará formado por xente que preferentemente non milite en organizacións políticas, e en ningún caso poderán asistir aos encontros con organizacións políticas persoas con adscrición partidaria.

Outro dos obxectivos principais da Marea de Vigo é a transparencia. É por iso que despois dos contactos que fagamos o resumo e as conclusións dos encontros serán publicados na nosa web.

MAREAS DE BARRIO

A Marea aposta porque a cidadanía sexa a protagonista da acción política e o obxectivo principal é o empoderamento e a autoorganización da xente. Por iso promoveremos a construción de Mareas nos barrios e parroquias onde se recollan os problemas e necessidades da veciñanza.

Pero a Marea non só quere pasar polos barrios, quere ficar neles. Así que deseñamos unhas liñas estratéxicas para impulsar as mareas con vontade de continuidade.

Para abrir as Mareas de Barrio solicitaremos a colaboración das persoas asinantes e das organizacións sociais que desenvolvan a súa actividade neles. Os grupos de traballo de Comunicación e Planificación e contidos facilitaranlles as ferramentas que precisen (cartelaría, loxística, asesoramento, etc.). Despois da presentación no barrio debe continuar o proceso de empoderamento, debatendo, propondo, organizando e colaborando na construción dun programa participativo. Porque a Marea non é algo que outros e outras fan. É algo que todos e todas podemos e debemos facer.

O plenario non só serviu para a toma de decisión destes acordos se non que entendemos que era un espazo moi útil para constrastar e pór en común o traballo que uns e outros grupos desenvolvemos. Por iso decidimos encontrarnos novamente o vindeiro mes noutro plenario. E chamar outra vez a todas as personas asinantes do manifestó a que veñan, escoiten, opinen, decidan e den o paso adiante na medida das súas posibilidades a involucrarse nesta tarefa colectiva para construír dende abaixo outro proxecto alternativo de cidade da maioría.

PRENSA MAREA VIGO