Boletín da provincia publica as bases das bolsas para novas mestras e mestres composteiros pola Plan Revitaliza

Os concorrentes terán un prazo de dez días naturais para presentar as súas solicitudes.
Publicado por o día 23/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Boletín da provincia publica as bases das bolsas para novas mestras e mestres composteiros pola Plan Revitaliza

O Boletín da Provincia (BOPO) publicará mañá martes as bases da convocatoria das bolsas para as novas mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza. Os concorrentes terán un prazo de dez días naturais para presentar as súas solicitudes, que deberán cumprir cos requisitos aprobados na Xunta de Goberno de hoxe.

Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, inicialmente seleccionaranse 20 aspirantes que deberán realizar un curso teórico práctico impartido por persoal especializado na denominada ‘Facultade da Compostaxe’. Este curso, que terá unha duración de 4 semanas, ten como obxecto formalos como mestras e mestres composteiros de xeito que finalmente 15 deles resulten elixidos para traballar en prácticas como parte do Plan Revitaliza para fomentar a compostaxe como sistema de xestión de lixo nos diferentes concellos da provincia de Pontevedra.

Poderán ser beneficiarios das bolsas as persoas que acrediten estar en posesión do título de bacharelato, ciclo superior de FP, graduado, diplomado, enxeñeiro, licenciado ou equivalente; ter finalizados os estudos con posterioridade ao 31 de decembro do ano 2004, acreditar o coñecemento da lingua galega en nivel CELGA III e estar disposto a realizar polos seus medios os desprazamentos aos centros de destino de traballo, entre outros requisitos.

A dotación económica das bolsas ascenderá a 1.400 euros ao mes, que inclúeos gastos en que incorra o bolseiro en concepto de dietas ou desprazamentos pola súa actividade. A duración das bolsas será de seis meses dende a súa incorporación prorrogables ata un máximo dun ano.

A presentación de solicitudes ten varios pasos. Inicialmente será preciso realizar unha preinscrición a través da web da Deputación (www.depo.gal), debendo cumprimentar os datos solicitados no modelo oficial de solicitude e pulsar o botón de enviar. Acto seguido hai que descargar e imprimir o xustificante electrónico xerado pola páxina web trala realización do envío, que terá un ‘código único de preinscrición’. Unha vez cumprida esta parte, é necesario presentar o xustificante electrónico debidamente asinado, xunto con toda a documentación requirida, no rexistro da Deputación no prazo de dez días naturais contados a partires da publicación da convocatoria no BOPO.

Para a comisión de selección dos bolseiros constituirase unha comisión que estará integrada por un xefe de servizo, un funcionario técnico superior e o secretario da Deputación. O proceso de selección desenvolverase en tres fases.

Tres fases de selección

A primeira fase de selección será un exercicio tipo test de carácter eliminatorio con 100 preguntas e catro respostas alternativas -relacionadas con cinto temas sobre os residuos orgánicos de tipo doméstico-. Neste exercicio o tribunal determinará a puntuación que se require para superar a proba, en función da complexidade técnica das preguntas ou do número de aspirantes presentados. Terá unha puntuación de 100 puntos.

A segunda fase consistirá nunha entrevista persoal de carácter obrigatorio e non eliminatorio que versará sobre o currículo, obxectivos profesionais ou dispoñibilidade, que permitirá comprobar a preparación dos candidatos. Terá unha puntuación de 20 puntos.

A terceira fase consistirá no curso de formación, de carácter obrigatorio e eliminatorio, cunha duración de catro semanas. Os aspirantes deberán superar as materias impartidas ao longo do propio curso, que terá módulos avaliados polos profesores correspondentes e dos que se extraerá unha media ponderada como nota final.

Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das 15 bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación no curso de formación da Facultade da Compostaxe.

A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito inmediato. O resto dos aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva para os casos de ampliación do número de bolsas, renuncia, incumprimento de obrigas, incapacidade ou calquera outra causa que implique a perda da condición de bolseiro dos aspirantes elixidos.

Esta nova convocatoria de bolsas para mestras e mestres composteiros vén de realizarse dado que o persoal en prácticas actual finaliza a súa relación coa Deputación entre os meses de maio e xuño deste ano. A intención, segundo indicou o vicepresidente Mosquera, é que o novo persoal do Plan Revitaliza poida estar seleccionado e operativo para esa data.

Á primeira convocatoria de bolsas (novembro de 2015) presentáranse 443 aspirantes, dos que foron seleccionados 20 para 10 prazas en prácticas. Debido a que finalmente foron máis concellos dos previstos os que se sumaron ao Plan Revitaliza foi necesario ampliar o número de bolsas para dar servizo aos centros de compostaxe instalados: finalmente foron contratados en prácticas 18 dos candidatos. Todos eles tiñan unha formación moi superior á requirida nas bases, xa que case na totalidade son licenciados con máster ou doutores nas súas respectivas carreiras. Para esta edición, segundo dixo Mosquera, agárdase aínda un número maior de aspirantes.

Ademais das bolsas para mestras e mestres composteiros a Deputación tamén ten previsto realizar sendos concursos oposición para cubrir de xeito interino por programa 6 prazas de funcionario con categoría A2 e outras 12 para a categoría C1 todas dentro do Plan Revitaliza.