Borrador de organización da Marea de Vigo

Publicado por o día 06/10/2014 na sección de Marea Vigo,Política

Borrador de organización da Marea de Vigo

Na segunda xuntanza do grupo de Xestión (xoves 2 de outubro) acordouse modificar a proposta de organización pra mantela en dous grandes grupos, mentres non sexa posible facelo en tres.

Convén distinguir con claridade entre asembleas, grupos de traballo e comisións.

Asembleas abertas e xerais son as convocadas pra debater e aprobar as cuestións estratéxicas e principais da orientación e planificación da Marea.

Grupos son os que organizan as grandes áreas e se ocupan de que as tarefas concretas sexan asumidas por determinada persoas que se fagan responsables da súa realización.

Comisións chamaríanse as que se formen en cada caso pra asumir e resolver tarefas concretas de acordo co calendario previsto. Algunhas durarán o tempo que leve realizar esa tarefa pra logo presentar o resultado á asemblea. Outras serán de longa duración, pois atenden cuestións e necesidades permanentes.

Quedarían polo tanto distribuídas as funcións desta maneira:

Grupo de Planificación e Contidos. Que se ocupará das seguintes tarefas:

–Estudo dunha fórmula legal prá Marea e a súa candidatura.

–Elaboración dun proxecto de programa municipal.

–Redacción dun protocolo de contactos con partidos.

–Redacción dun texto sobre compromisos éticos.

–Elaboración dun protocolo de portavocía.

–Elaboración dun protocolo de primarias abertas.

–Financiación.

–Funcionamento da portavocía.

–Organización das primarias.

Grupo de Comunicación. Que se ocupará das seguintes tarefas:

–Comunicacións internas.

–Consecución de apoios á Marea (adhesións ao manifesto).

–Divulgación do manifesto e doutros textos tanto na rede como nas rúas.

–Contactos coa prensa.

–Organización de actos como as mareas nos barrios (Coia, Calvario…) ou mareas temáticas.

As tarefas do Planificación deberán ser asumidas por persoas voluntarias nun número proporcional á complexidade dos traballos, podendo reunirse e organizarse pola súa conta a conveniencia durante o proceso, e co compromiso de telos resoltos e dispostos prá súa aprobación en asemblea nas datas que se establezan. As tarefas serán asignadas e distribuídas nas xuntanzas do grupo de Planificación, no que se deberá facer seguimento destes procesos pra garantir que se respectan os prazos fixados.

Elaborouse tamén un plan de actividades cun calendario aproximado, que deberá ser aprobado na próxima asemblea. Neste calendario fíxanse metas e obxectivos:

–Acadar como mínimo 3.000 asinantes deica o 31 de decembro.

–Organizar mareas no barrio de Coia e Calvario referidos á súa problemática específica e como actos de divulgación.

–Ir pechando e aprobando, nos prazos e na orde obrigada polo proceso, os textos e protocolos mencionados.

–Organizar nas datas aproximadas que se suxiren, as convocatorias necesarias pra realizar unhas primarias abertas.

Este plan, no caso de ser aprobado, terá continuidade, na medida do posible, cos dous grupos existentes agora mesmo. O de Comunicación mantén o seu nome. O de Xestión quedaría disolto, tras cumprir coa misión encomendada na primeira asemblea, e apasaría a activarse o de Planificación e Contidos.

PRENSA MAREA DE VIGO