Borrador de organización e calendario da Marea de Vigo

Publicado por o día 25/09/2014 na sección de Marea Vigo,Política

Borrador de organización e calendario da Marea de Vigo

O mércores día 23 reuniuse o «grupo de xestión» pra elaborar unha proposta de organización e calendario de actividades da Marea, de acordo co decidido na primeira asemblea da Marea de Vigo.

1. Organización

Tendo en conta o pouco tempo de que dispoñemos (seis meses), antes de formalizar unha candidatura e preparase pra realizar a campaña electoral, este grupo de xestión fai unha proposta de organización en tres grupos principais de traballo:

1.1. Grupo de Xestión interna. Que se ocupará das seguintes tarefas:

–Comunicacións internas.

–Financiación.

–Funcionamento da portavocía.

–Organización das primarias.

1.2. Grupo de Comunicación. Que se ocupará das seguintes tarefas:

–Consecución de apoios á Marea (adhesións ao manifesto).

–Divulgación do manifesto e doutros textos tanto na rede como nas rúas.

–Contactos coa prensa.

–Organización de actos como as mareas nos barrios (Coia, Calvario…) ou mareas temáticas.

1.3. Grupo de Planificación e Contidos. Que se ocupará das seguintes tarefas:

–Estudo dunha fórmula legal prá Marea e a súa candidatura.

–Elaboración dun proxecto de programa municipal.

–Redacción dun protocolo de contactos con partidos.

–Redacción dun texto sobre compromisos éticos.

–Elaboración dun protocolo de portavocía.

–Elaboración dun protocolo de primarias abertas.

Estas tarefas do grupo de Planificación deberán ser asumidas por persoas voluntarias nun número proporcional á complexidade dos traballos, podendo reunirse e organizarse pola súa conta a conveniencia durante o proceso, e co compromiso de telos resoltos e dispostos prá súa aprobación en asemblea nas datas que se establezan. As tarefas serán asignadas e distribuídas nas xuntanzas do grupo de Planificación, no que se deberá facer seguimento destes procesos pra garantir que se respectan os prazos fixados.

2. Calendario (ver en pdf)

Elaborouse tamén un plan de actividades cun calendario aproximado, que deberá ser aprobado na próxima asemblea. Neste calendario fíxanse metas e obxectivos:

–Acadar como mínimo 3.000 asinantes deica o 31 de decembro.

–Organizar mareas no barrio de Coia e Calvario referidos á súa problemática específica e como actos de divulgación.

–Ir pechando e aprobando, nos prazos e na orde obrigada polo proceso, os textos e protocolos mencionados.

–Organizar nas datas aproximadas que se suxiren, as convocatorias necesarias pra realizar unhas primarias abertas.

Este plan, no caso de ser aprobado, terá continuidade, na medida do posible, cos dous grupos existentes agora mesmo. O de Comunicación actual pasaría a chamarse de Divulgación. O de Xestión pasaría a descobrarse en Xestión interna por un lado, e por outro Planificación e Contidos.

PRENSA MAREA VIGO