A brigada contra incendios de Mos sofocou 19 lumes dende principios de xullo

Reforzou ademais ao Servizo Municipal de Emerxencias noutras intervencións urxentes
Publicado por o día 14/08/2017 na sección de Galicia,Mos

A brigada contra incendios de Mos sofocou 19 lumes dende principios de xullo

O dispositivo de loita contra incendios dotado de 14 traballadores que comezou a operar en Mos o pasado 3 de xullo suma 113 intervencións entre incendios forestais e outras emerxencias. O Concello de Mos contratou, grazas a unha subvención de Medio Rural, a 4 operarios, 1 xefe de brigada e 9 condutores durante a tempada estival que integran o dispositivo local de loita contra incendios deste verán.

Tras mes de medio de traballo, esta brigada formada por 14 persoas, actuou nun total de 117 operativos dos cales 19 foron incendios forestais e os 98 restantes foron intervencións nas que colaboraron co Servizo Municipal de Emerxencias.

No caso da extinción de incendios forestais, dos 19 lumes que os membros da brigada mosense sofocaron, 7 deles producíronse dentro do propio termo municipal de Mos e os 12 restantes nas localidades veciñas de Vigo (3 incendios), Salceda de Caselas (5 incendios), O Porriño (3 incendios) e Soutomaior (1 incendio, aínda en activo). No caso deste último lume rexistrado en Soutomaior, dito incendio comezou onte sobre as 22.30 horas e, dende entón, os 14 membros do dispositivo mosense están actuado no mesmo, atopándose nestes intres realizando labores de extinción para tal fin.

Os lumes dentro da propia localidade de Mos nos que interviron rexistráronse nas parroquias de Torroso (1 incendio), Petelos (3 incendios), Cela-Herville (1 incendio), Sanguiñeda (1 incendio) e Guizán (1 incendio).

Entre as intervencións nas que a brigada antiincendios prestou apoio ao Servizo Municipal de Emerxencias atópanse accidentes e incidencias de circulación, animais soltos e outros. Ademais, a maiores de todas estas actuacións, realizáronse intervencións de carácter urxente en casos de niños de Vespa Velutina dentro do municipio de Mos.

Convenio

Como xa se dixo, o Concello de Mos iniciou o día 3 de xullo a súa campaña municipal contra incendios deste verán para a que a administración local contratou, grazas ó convenio por tres anos asinado coa consellería de Medio Rural, 14 traballadores: 4 operarios integrantes dunha brigada forestal, un xefe para dita brigada e 9 condutores para os vehículos motobomba.

Este convenio antes asinábase anualmente e agora, con esta firma por tres anos, conséguese unha maior estabilidade do servizo prestado e garantir a creación dunha serie de postos de traballo de cara ao vindeiro ano.

O 16 de xuño rematou o prazo de inscricións para participar no proceso de selección de brigadistas contra incendios, do que resultaron un total de 51 candidatos inscritos: 18 para o posto de condutor/a, 5 para o de xefe/a de brigada e 28 para o de operario/a. A seguinte semana realizáronse as probas de selección para que os/as seleccionados/as puideran comezar a traballar o pasado luns 3 de xullo.

Estes 14 traballadores estarán operativos todo o verán para realizar funcións de prevención e defensa forestal, reforzando o xa existente Servizo Municipal de Emerxencias e contando en todo momento coa colaboración dos integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.

A importancia deste dispositivo de loita contra incendios é vital, así como tamén o é a concienciación da cidadanía para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. De ahí a insistencia da administración local en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non sexan vítimas dos lumes.