Brigadas da DEPO resolveron máis de 50 incidencias en 12 horas pola paso do temporal “Ana”

O departamento de Mobilidade trasladou dúas palas mixtas e un camión para retirar os desprendementos de terra en varias estradas de As Neves.
Publicado por o día 11/12/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Brigadas da DEPO resolveron máis de 50 incidencias en 12 horas pola paso do temporal “Ana”

As brigadas de mantemento das estradas da Deputación resolveron en apenas 12 horas máis de medio cento de incidencias nas vías provinciais provocadas polo temporal ‘Ana’. As equipas do departamento de Mobilidade estiveron traballando arreo dende as dez da noite do domingo por chamadas de urxencia e trasladáronse ata 30 concellos da provincia, sendo os máis afectados o municipio de As Neves, onde se produciron desprendementos de terra que bloquearon as estradas; o concello de A Cañiza, Silleda ou a comarca do Morrazo, tamén con estradas cortadas por diferentes motivos.

Durante a fin de semana estiveron de garda as tres brigadas habituais (Norte, Sur e Centro), que tiveron que ser reforzadas a noite pasada por outras dúas na zona Norte e na zona Sur. Así mesmo, na mañá de hoxe estiveron operativas as nove brigadas existentes, que realizaron percorridos polas estradas a raíz de avisos do servizo de Vixilancia da Deputación, así como dos capataces e vixilantes de zona. Pola tarde estaba previsto continuar coas actuacións, sobre todo na zona Sur, xa que segundo os técnicos haberá traballo de limpeza e acondicionamento para toda a semana. Estanse a vixiar principalmente as zonas de augas máis conflitivas para evitar asolagamentos, arrastres de terras e desbordamentos, así como limpando as marxes das calzadas para evitar taponamentos de sumidoiros e taxeas derivados das caídas de follas, polas e outros materiais.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, estivo pendente da situación da rede provincial de forma permanente, constatando a correcta coordinación dos operarios que atenderon os diferentes problemas xurdidos polo forte vento e chuvia, que facían moi perigoso o tránsito polas vías. Benítez destacou o grande traballo dos operarios que se esforzaron para que a circulación fose o máis segura posible a pesares das inclemencias do tempo.

As actuacións máis relevantes das brigadas producíronse no concello de As Neves, onde foi preciso actuar na estrada EP-4006 (á altura de Barreiros) e na EP-4202 en Rubiós, por desprendementos de terra, pedras e outros materiais caídos dende os ontes, que bloquearon o tránsito rodado. Ata alí trasladáronse a primeira hora da mañá unha pala mixta e un camión contratados externamente e outra pala mixta do parque de maquinaria. Tamén se axudou con esta maquinaria a limpar outros camiños municipais bloqueados nas zonas de Lentille e O Rodeiro.

Por outra parte, na zona do Morrazo foi preciso cortar ao tránsito rodado a estrada provincial de acceso á praia de Loira pola caída do tendido telefónico. As brigadas non puideron mover da calzada os postes e deron aviso á compañía telefónica, que deu orde de solucionar a incidencia. Por outra parte, tamén houbo cortes de estradas na zona de A Cañiza (EP-5005- O Couto) e en Silleda na EP-6501 (Grava-Escuadro).

Outros dos concellos nos que foi preciso actuar, principalmente por retirada de pólas, bolsas de augas e limpezas de terras e pedras nas vías foron, entre outros Mos, A Estrada, Covelo, Moraña, Nigrán, Caldas, Soutomaior, Caldas, Valga, Mondariz Balneario, Vila de Cruces, Forcarei, Silleda, A Cañiza, Mondariz, Pazos de Borbén, Crecente, Pontevedra, Meis, Cangas, Moaña, Bueu, así como os da zona do Salnés.