Brigadas de mantemento das estradas da Deputación esparcen sal de xeito preventivo en medio cento de vías

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que debido ás baixas temperaturas dos últimos días xa é preciso reforzar a provisión de salmuera nos parques de Ponteareas e Pontevedra.
Publicado por o día 17/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Brigadas de mantemento das estradas da Deputación esparcen sal de xeito preventivo en medio cento de vías

As brigadas de mantemento das estradas da Deputación veñen de espallar sal en medio cento de vías provinciais de 17 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, esta actuación realizouse no día de hoxe e repetirase mañá e nos días sucesivos como actuación preventiva ante a vaga de frío que vai entrar nos vindeiros días no país para evitar as placas de xeo na calzada e garantir, na medida do posible, a seguranza viaria aos veciños e veciñas que teñen que utilizar o coche. Ademais dos traballos de prevención, as brigadas de mantemento estarán alerta nos vindeiros días para atender calquera emerxencia ou chamada do 112. “A salmuera espallarase principalmente nas estradas que poden ser máis problemáticas pola súa localización, xa que tradicionalmente cando a temperatura baixa son as que máis incidentes sofren, sobre todo nas comarcas do Tabeirós, Deza e o Condado-Paradanta e no resto do interior da provincia”, subliñou.

Os concellos nos que xa se está a actuar son, nas comarcas de Deza-Tabeirós, A Estrada ( nas vías provinciais entre A Estrada e Forcarei, A Estrada e Ouzande, Aguións e Santa Cristina, Foxo e Riobó, Ososa e Orazo e Callobre e Ponte Ledesma), en Cuntis (na estrada entre Portela e Souto de Vea e na de Cuntis-Cequeril), en Silleda (estradas Silleda-Castro- Merza, Negreiros-Carboeiro e Bandeira-Piñeiro), Lalín (Lalín-Botos-Gresande, Botos-Mouriscade Xesta, Prado-Vilatuxe, Lalín-Rodo- Brántegga), Dozón (nas estradas Castro Dozón-Irixo, Santo Domingo-Sanguinedo e Castro Dozón-Saa-Rocha), Rodeiro (nas vías de conexión con Vilela e Oseira), Agolada (nas vías entre Berredo e Brántega e Agolada-Cruces).

Nas comarcas do Condado-Paradanta, o sal repartiuse no concello de As Neves polas estradas entre Setados-Ribarteme- Vide e Tortoreos e Carrasqueira. En Mondariz aplicouse a salmuera na vía entre Mondariz-Meirol e Ponte Val-Barcia de Mera, mentres que en A Cañiza o traballo principal estivo nas estradas Franqueira-Cebreiro, Cañiza-Mourentán e Cañiza-Arbo; en Covelo as estradas nas que houbo que aplicar sal foron sete: Covelo-Lamosa, Lamosa-Franqueira- Achas, Prado-Moncelos, Maceira-Avión, Maceira-A Graña, Covelo-Barcia de Mera e Covelo- Paraño; mentres que en Arbo aplicouse nas vías entre Arbo-Caberiras- Barcela e o acceso á Luneda.

No interior da provincia, as brigadas traballarán a diario co sal nas estradas de Ermitas-Pigarzos, Ponte-Verdugo- Cambeses-Barcia e Peso –Caroi en A Lama; e en Fornelos-Estacas, acceso a Calvos, Fornelos-Fentín e Fornelos-Ventín no concello de Fornelos, mentres que en Pazos de Borbén actuarase en Amoedo-Os Valos. Por outra banda, en Soutomarior aplicouse salmuera nas estradas entre Arcade e Amoedo e O Viso, e en Redondela na Cesantes-Viso- Alxán.

Segundo destacou Benítez, a maquinaria específica para o reparto da sal está plenamente operativa e todos os esparcidores están montados nos camións correspondentes dos diferentes parques base das brigadas. Así mesmo, un dos camións do parque de Pontevedra trasladarase como reforzo no día de mañá ao centro de traballo de Ponteareas e outro quedará na central de Pontevedra para actuar desde alí na zona do interior da provincia (A Lama, Fornelos, Cotobade…).

En canto á provisión de sal, o deputado delegado de Mobilidade lembrou que para este inverno había reservadas 100 toneladas que se repartiron entre os diferentes parques base das brigadas –nas mesmas cantidades que o ano pasado-. Dado que as temperaturas suaves dos últimos meses están a cambiar cara a un inverno duro, e para non quedar desabastecidos, farase unha compra de máis salmuera na vindeira semana para deixar o servizo cuberto sobre todo nas zonas de Ponteareas e Pontevedra, xa que a do Deza-Tabeirós aínda ten reservas suficientes.