Bronce para o mosense Juan Rivera no Campionato de España de Full Contact

Era a primeira vez que participaba na competición nacional
Publicado por o día 27/06/2017 na sección de Deportes,Galicia,Mos

Bronce para o mosense Juan Rivera no Campionato de España de Full Contact

O peleador mosense Juan Rivera ven de acadar a medalla de bronce no Campionato de España de Full Contact, que se celebrou a pasada fin de semana, concretamente os días 24 e 25 de xuño, no Corredoira Arena de Oviedo.

No peso de Rivera competían un total de 9 boxeadores. O primeiro co que pelexou e ao que bateu foi ó representante de Asturias, ao que venceu a 2 puntos. Logo, en semifinais, topou contra un contrincante moito máis experimentado ca el, o de Castela León, contra o que caeu; resultando finalmente campión de España o castelán-leonés.

Tanto Juan Rivera coma o seu adestrador voltaron a Mos contentos coa experiencia e satisfeitos co resultado, xa que “perdemos cun rival bo o primeiro ano de participación no nacional e logrando facer podio cunha medalla de bronce, que non é pouco”, declararon.

Rivera xa se atopa de volta en Mos e adestrando duro de cara á vindeira cita sobre o rin que probablemente sexa no mes de outubro. Ademais o Club Kick Boxing Mos, ao que pertence Juan Rivera, ten novidades, posto que conta con novos boxeadores mosenses que, de cara á próxima tempada, espérase que poidan competir no Campionato Galego de Promesas, o que sería unha moi boa oportunidade para estes debutantes.

Juan Rivera Gómez gañou en 2016 o Campionato Galego de Kick Boxing e xa se erixira subcampión no Campionato Galego de Kick Boxing Clase B en 2015. Este ano 2017 proclamouse Campión Galego de Full Contact (Clase A) o 18 de marzo no Pavillón dos Remedios de Ourense, onde pelexou a final directa; e esta pasada fin de semana quedou terceiro no Campionato de España de Full Contact.

Rivera forma parte da Selección Galega, coa que viaxou a Oviedo e a quen representou no Campionato de España.

Juan Rivera adestra co seu equipo, o Club Kick Boxing Mos, no Pavillón Óscar Pereiro tódolos luns e mércores de 20.00 horas a 21.00 horas. A onde se poden dirixir todas as persoas interesadas nestes deportes de contacto que desexen practicalos e unirse ao Club (tamén poden contactar telefónicamente a través do móbil 615964065).

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes mosense, salientaron “a valía dun mozo tan novo como é Juan Rivera, que ven de acadar un logro tan importante nunha disciplina deportiva na que a competencia é tan dura”. Así mesmo animárono a continuar nesta liña de esforzo e superación, manifestándolle o apoio da administración local mosense, e insistiron “no altísimo nivel que están acadando os deportistas mosenses en modalidades tan variadas coma o fútbol, atletismo, ciclismo, baile deportivo, Kick Boxing, Full Contact etc., logrando títulos de enorme relevancia a nivel autonómico, nacional e incluso internacional”.