Bueu conmemora o Día do Teatro e os 90 anos de ‘De catro a catro’ cunha obra familiar e un recital poético

Este martes ás 12.00 horas representarase a obra teatral “As historias do avó Manuel” no Centro Social do Mar
Publicado por o día 26/03/2018 na sección de Bueu,Galicia

Bueu conmemora o Día do Teatro e os 90 anos de ‘De catro a catro’ cunha obra familiar e un recital poético

A concellería de Cultura de Bueu que dirixe o nacionalista Xosé Leal programa para o martes 29 dúas actividades que conmemoran dúas citas importantes para a cultura como son o Día Internacional do Teatro e o 90 aniversario da publicación do poemario De Catro a Catro de Manuel Antonio. A primeira das actividades terá lugar ás 12 horas no auditorio do Centro Social do Mar coa representación de “As historias do avó Manuel” de Migallas Teatro incluída no programa Pontegal da Deputación de Pontevedra. A obra narra a relación entre un avó e a súa neta, e entrelaza cancións e ditos de tradición oral recollidos na páxina web www.orellapendella.gal. O obxectivo que se busca coa peza é o de presentar aos maiores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural imposta pola publicidade e a sociedade de consumo. Con ela anímase a manter vivos os xogos, cancións e ditos sinxelos da rapazada de antano como medios de diversión, socialización e aprendizaxe. Para Leal “esta iniciativa, que se enmarca xunto a da concellería de Deportes do mércores de facer multideporte con convivencia interxeracional, serve para refrendar a aposta deste goberno pola transmisión de valores entre as persoas maiores e a cativada que se ve reforzada ademais polos espazos de convivencia acadados nos últimos anos e nos que se están a executar  e a programar actualmente”.

Pola tarde será o turno da poesía coa denominada “Travesía poética por De Catro a Catro”  na que os poetas morracenses Míriam Ferradáns, Lucía Novas e Daniel Costas, xunto ás persoas que se animen a recitar, achegaranse aos versos do poemario vangardista de Manuel Antonio co gallo dos 90 anos da súa publicación desde a Editorial Nós, ademais de profundizar na poética do mundo do mar. Para o concelleiro “Bueu e O Morrazo son unha terra mariñeira con poetas novos e xa consagrados, polo que é de recibo destacar esta cita nun acto que apoiará a palabra con proxeccións audiovisuais e música e que terá lugar na sala multiusos do primeiro andar do Centro Social, un marco incomparable co porto ao fondo”. O espazo contará cunha ambientación mariñeira a partires dun deseño do debuxante Luís Davila e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.