Bus turístico de balde para os vigueses para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade

Vitrasa convida aos cidadáns de Vigo a coñecer á cidade dunha forma diferente a bordo deste singular autobús os días 23 e 24 de setembro.
Publicado por o día 18/09/2017 na sección de Galicia,Turismo,Vigo

Bus turístico de balde para os vigueses para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade

Con motivo da Semana Europea da Mobilidade, o Bus Turístico de Vitrasa será gratuíto os días 23 e 24 de setembro para que os vigueses poidan coñecer, de primeira man, a ruta que realiza habitualmente este autobús. Trátase dun servizo dirixido principalmente aos turistas e que foi empregado, o ano pasado, por case 8.000 persoas.

A través desta iniciativa, os veciños de Vigo terán a oportunidade de coñecer os principais puntos de interese turístico da cidade dunha forma diferente. Durante o percorrido, que dura aproximadamente unha hora, os viaxeiros poderán apreciar as fermosas vistas da ría desde o monte do Castro, o miradoiro de Alfonso XII ou as praias de Samil, entre outros lugares. As rutas partirán da parada de bus do C.C. A Laxe ás 10:00, ás 12:00 ás 16:30 e ás 18:30 horas.

En palabras de Juan Carlos Villarino, Director Xeral de Vitrasa, “este ano incorporamos como novidade a gratuidade do Bus Turístico porque consideramos que é unha boa oportunidade para que os vigueses comproben de primeira man, mentres desfrutan dun percorrido divertido e fermoso, que poden chegar a calquera punto da cidade empregando o transporte público.

Buscamos que os vigueses valoren o autobús coma un medio económico, cómodo e sobre todo sustentable”.

Bus Nocturno e Lanzadeiras á Universidade tamén gratuítas

No marco da Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa na que Vitrasa ven participando dende hai máis dunha década, tamén serán gratuítas as liñas nocturnas N1 e N2 durante as noites do venres 22 e o sábado 23 de setembro, así como las lanzadeiras á Universidade U1 e U2 na xornada do venres 22.

As dúas liñas nocturnas N1 e N2, cunha media de 1.000 viaxeiros durante as noites dos venres e dos sábados, funcionan todos os días pero cunha ampliación horaria nas fins de semana e vésperas de festivos. Trátase dun servizo pensado para que os máis novos poidan desfrutar do ocio nocturno da cidade desprazándose en transporte público e deixando o vehículo particular na casa, evitando deste xeito posibles accidentes. Todas as persoas que utilicen estas dúas liñas os días 22 e 23 de setembro viaxarán gratis.

As lanzadeiras á Universidade, U1 e U2, serán tamén gratuítas para todos os usuarios durante o venres 22.

▪ Vitrasa convida aos cidadáns de Vigo a coñecer á cidade dunha forma diferente a bordo
deste singular autobús os días 23 e 24 de setembro

▪ Serán tamén gratuítas as lanzadeiras á Universidade U1 e U2 o venres 22 de setembro e as liñas nocturnas N1 e N2 as noites do venres 22 e o sábado 23.

Segundo Juan Carlos Villarino, “é moi importante apoiar e participar en iniciativas coma estas, dirixidas a fomentar o transporte urbano entre todos os públicos”. Destaca que a gratuidade das liñas do bus nocturno é unha proposta dirixida á mocidade, “xa que se trata dun colectivo moi susceptible de empregar o autobús e o noso obxectivo pasa por conseguir que deixen o coche na casa e se divirtan sen preocupacións, coa tranquilidade de saber que poden utilizar o transporte urbano para regresar comodamente”. Tamén o servizo á Universidade está dirixido a fomentar o uso do bus entre os mozos universitarios xa que moitos estudantes acoden ao campus de forma individual no seu coche, co custo económico a ambiental que isto implica.

Máis dunha década participando na Semana Europea da Mobilidade

Desde hai máis de once anos, Vitrasa vénse sumando a esta iniciativa europea que ten por obxectivo fomentar o emprego do transporte público na cidade e concienciar da necesidade de reducir os índices de contaminación nas grandes urbes e contribuír a unha mobilidade urbana sostible.