O C.B Seis do Nadal – Coia presumiu de canteira na presentación oficial da entidade

Publicado por o día 12/12/2016 na sección de Baloncesto,Deportes,Vigo

O C.B Seis do Nadal – Coia presumiu de canteira na presentación oficial da entidade

O club Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia presentou a tódolos seus equipos federados e as súas escolas deportivas o pasado sábado día 10 de decembro no pavillón municipal de Navia ante unhas gradas cheas de familiares, amigos, amigas e colaboradores, e xusto despois do partido de Liga EBA que disputou o noso equipo ante o Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Nesta presentación oficial da tempada 2016/2017 a entidade presentou alí a tódolos seus equipos federados e a tódalas escolas deportivas, reunindo así a preto de 700 deportistas en total, máis de 300 xogadores e xogadoras formando parte dos equipos federados e outros tantos nas distintas escolas deportivas, aos que se lle sumaron os preto de 30 monitores e adestradores que conforman o corpo técnico da entidade, un dos maiores do panorama deportivo galego.

Asistiron á presentación desta tempada 2016/2017 D. Abel Caballero, Alcalde do Concello de Vigo; D. Manel Fernández, Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo; D. Guillerme Reinaldo, en representación da Xunta de Galicia; D. Alberte Zato e D. Jose Luis Pérez, en representación da Federación Galega de Baloncesto; D. Jose Antonio Beiro, Presidente do Club Amfiv; Dna. Concepción Martíns, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal; D. Julio Rodríguez, D. Antonio Iglesas e D. Ramón Román, Directivos da entidade; e D. Sergio González, Director Deportivo do Club Baloncesto Seis do Nadal; acompañados en todo momento por representantes dos centros educativos e dos patrocinadores e colaboradores.