Caballero: “A cidade de Vigo queda co río Lagares”

O Concello licita a limpeza do leito do río Lagares cun investimento de 112.000 euros
Publicado por o día 28/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero: “A cidade de Vigo queda co río Lagares”

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves o expediente de contratación para o mantemento do leito do río Lagares. Vigo asumirá así limpeza de toda a conca do Lagares para manter o curso do río en bo estado. A licitación dos traballos, que se levarán a cabo en verán, saen cun investimento de 112.000 euros.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves de que a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do servizo de traballos menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico no río Lagares, en zonas eminentemente urbanas.

Segundo avanzou o rexedor en rolda de prensa, o importe de licitación é 112.123,38€ para a limpeza de cinco tramos cun total de 17,11 quilómetros. Está previsto que os traballos se leven a cabo este verán e queden totalmente finalizados no prazo dun mes desde o inicio.

O alcalde explicou que o Concello asume así a limpeza do río Lagares, responsabilidade da Xunta ao ter a competencia exclusiva das concas fluviais da comunidade e procederá a retirar as ramas e os residuos de todo o curso do río.

Así, tras confirmar que o Concello limpará eses 17 quilómetros de leito, Abel Caballero proclamou: “Quedamos o Lagares para sempre, e dános igual o que diga Feijóo”.

O alcalde reiterou que o río “o ten que limpar a Xunta” pero que esta “se desentende”, por iso farao o Concello. “Nin sequera imos pedir permiso, farémolo por inacción da Xunta, porque está sucísimo”, constatou.

Bono taxi, seminario e máscaras

Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto e prace ás bases reguladoras das subvencións destinadas a proporcionar, mediante a utilización de bono-taxi, un medio alternativo de transporte adaptado a persoas afectadas por graves discapacidades na súa mobilidade (ano 2020) que non poden utilizar con carácter xeral o transporte público colectivo. O importe ascende a 25.000 euros.

Por outra banda, o goberno local tamén aprobou o acordo entre o Bispado Diócese Tui-Vigo e o Concello de Vigo para a cesión do uso de habitacións do Seminario Maior “S. Xosé” para dispositivo Persoas sen Fogar – Covid-19. O acordo, que non chegou a aplicarse por non ser necesario, implicaba que o Concello asumiría unicamente os gastos derivados do normal funcionamento de este dispositivo e subministro de alimentos, colchóns, sabas, mantas e demais roupa de fogar, kits con material de aseo e hixiene.

Por último, foi adxudicado un contrato de emerxencia de subministro de máscaras de autoprotección FFP2 por un importe de 16.900 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.