Caballero afirma que o Memorial Quino Salvo conxuga “recuperar a un notable vigués e o apoio ao baloncesto de base”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou durante a súa visita á exposición fotográfica sobre o baloncesto vigués, na rúa Príncipe, que “este é o Vigo real do deporte, o que nos gusta; esta é unha mostra do que é Vigo e o baloncesto”
Por o 24/08/2017 | Sección: Baloncesto,Deportes,Galicia,Vigo
Caballero afirma que o Memorial Quino Salvo conxuga “recuperar a un notable vigués e o apoio ao baloncesto de base”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou durante a súa visita á exposición fotográfica sobre o baloncesto vigués, na rúa Príncipe, que “este é o Vigo real do deporte, o que nos gusta; esta é unha mostra do que é Vigo e o baloncesto”.

O rexedor, acompañado polos concelleiros Carlos López Font e Manel Fernández e por membros da organización, interesouse por un bo número de imaxes históricas (son 140, dende os anos 40 ao presente), chanceou cos organizadores e vendo vellas imaxes lembrou épocas pasadas nas que balóns e vestimenta nada tiñan que ver co baloncesto actual.

Caballero incidiu na vasta traxectoria deste grupo de deportistas, “con tan bo nome en toda España”, que organizou o Memorial Quino Salvo, pero tamén aplaudiu a viva voz que “á vez que se recupera a memoria dunha persoa tan notable no baloncesto español e vigués, apoiamos o mellor da cidade, o baloncesto de base”. “Vexo antigos líderes e ídolos do baloncesto español, pero tamén vexo algúns mozos que fan baloncesto de base, dende o Seis do Nadal a tanto outros, e isto parécenos extraordinariamente importante”, sostivo o alcalde, que onte á noite xa vira a exposición, paseando por Príncipe, “e encantoume, pero sóubome a pouco”, dixo, pedindo á organización que o ano que vén “enchamos Príncipe de baloncesto”.

Dende a Asociación Quino Salvo, tanto Ramón Lago como Martínez Terzado agradeceron a colaboración de Luis Rey Lama (“o 90% das fotos son dos seus libros”, dixeron) e lembraron que esta exposición fotográfica abre uns actos que chegarán o sábado 2 de setembro á Praza do Rei cun torneo de minibasket con doce equipos, seis masculinos e outros tantos femininos. E o domingo 3, o partido Obradoiro-Barcelona no Central das Travesas (12:15 horas).