Caballero anima a participar no Maratón Fotográfico, un concurso “de referencia” no mundo da imaxe

O alcalde e o coordinador, Jesús Nieto, presentaron hoxe venres a XXIV edición do Maratón, no que os fotógrafos teñen 24 horas para retratar sobre catro temas secretos que propón a organización ao comezo do certame. Terá lugar do 28 ao 29 de setembro e Concello e organización agardan chegar aos 150 inscritos.
Publicado por o día 20/09/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero anima a participar no Maratón Fotográfico, un concurso “de referencia” no mundo da imaxe

Segundo explicou Abel Caballero en rolda de prensa, o Maratón Fotográfico é un concurso “de referencia” que celebra este ano a súa vixésimo cuarta edición mantendo a esencia do concurso e incorporando novidades, como a incorporación de patrocinadores locais e do mundo da fotografía e o novo Concurso Maratón Fotográfico en Instagram.

O evento está organizado pola Agrupación Fotográfica Galega, co patrocinio principal do Concello, e este ano terá lugar os días 28 e 29 de setembro. O concurso espera reunir a 150 fotógrafos, que compartirán 24 horas nos que retratar sobre catro temas que propón a organización e son secretos ata o momento da saída do Maratón.

O Concello de Vigo repite como o colaborador principal dun Maratón que porta o seu nome, mais este 2019 a organización suma patrocinios de marcas do sector, como Canon, Olympus, Sigma e Profoto, e de empresas locais, como Reizentolo, Woodtwon e Vitrasa.

Abel Caballero e Jesús Nieto explicaron unha das principais novidades do evento deste ano, a creación dun novo Concurso Maratón Fotográfico en Instagram, a rede social maioritaria entre o público novo como modo de difusión de imaxes.

Co obxectivo de chegar ao público xuvenil -aínda que sen requisito de idade-, o concurso demanda o retrato da cidade desde tres puntos de vista, correspondentes a tres etiquetas: #gente, #paisaje e #blancoynegro. O prazo de presentación de imaxes conclúe este domingo, 22 de setembro.