Caballero anima á cidadanía a presenciar o 76º Campionato de Vigo de Tenis

A cita comeza este mesmo luns nas pistas de tenis de Samil e concluirá a fin de semana dos días 2 e 3 de setembro coas finais. O alcalde vigués agradeceu o traballo da organización “dun dos grandes torneos de tenis de Galicia” e recordou que o Concello xa investiu 120.000 euros na remodelación das pistas de tenis e pádel.
Publicado por o día 21/08/2017 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Galicia,Tenis,Vigo

Caballero anima á cidadanía a presenciar o 76º Campionato de Vigo de Tenis

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este luns nas pistas de tenis de Samil na presentación da 76ª edición do Campionato Cidade de Vigo de Tenis – VIII Memorial Antonio Santoro, que arranca hoxe mesmo coas categorías de veteranos.

No acto desta mañá, Caballero eloxiou o traballo da organización para facer do Campionato de Vigo “un dos grandes torneos de tenis de Galicia” e agradeceu a presencia do director do torneo, Pablo González, do xuiz árbitro Fernando Rodríguez, de Manuel Touriño en representación do sponsor Ensíname e dos tenistas Simón Arca e Rubén Nilo.

Este certame naceu no ano 1941 e leva trinta anos celebrándose nas pistas de Samil, segundo recordou o alcalde vigués, quen explicou que o Campionato se disputa en todas as categorías -desde benxamín a veteranos-, masculinas e femininas, de individuais e dobres, coas mellores raquetas galegas para un total de 250 tenistas xa inscritos e coa previsión de acadar os 300 grazas ás categorías todavía abertas para anotarse (as de dobres e as de veteranos +40, +50 e +65)

Abel Caballero enxalzou tamén o carácter solidario da cita, pois inclúe donacións de alimentos para a ONG “A las cinco”, e puxo en valor que o evento estea vencellado á figura de Antonio Santoro, presidente da Federación Galega de Tenis ata o seu falecemento no ano 2010, un “home que tanto traballou e tanto fixo polo tenis de Vigo e de Galicia”.

O Campionato de Vigo, que conta co patrocinio do Concello, conta con figuras do tenis galego como Roberto Rodríguez, Lolo Santomé, Uxía Martínez, Carla do Barrio, Simón Arca ou Tomás Currás. De feito, Roberto Rodríguez e Uxía Martínez son os vixentes campións galegos.

Investimentos
O alcalde engadiu que o goberno vigués se atopa inmerso na renovación das pistas de tenis e pádel de Samil, onde xa leva investidos 120.000 euros na mellora de varias e prevé adicar outros 350.000 euros para completar o arranxo de todas as pistas e na cubrición de tres destas.

Caballero apuntou que as pistas de Samil son empregadas todo o ano por alumnado da Escola de Tenis de Samil, pertencente ao programa municipal de escolas deportivas, e que conta con medio millar de usuarios fixos e outros tantos en rotación.