Caballero anuncia o seu apoio á Semana do Atlántico de vela lixeira porque “o deporte base é o que importa”

A XVII Semana do Atlántico Cidade de Vigo – XLI Trofeo Martín Barreiro, que organiza o Real Club Náutico de Vigo en colaboración co Clube de Vela de Viana do Castelo (CVVC), disputarase en tres fins de semana (dúas en Vigo e unha en Viana do Castelo) do 15 ao 31 de outubro, segundo se anunciou na súa presentación hoxe no Náutico.
Publicado por o día 29/09/2016 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Vigo

Caballero anuncia o seu apoio á Semana do Atlántico de vela lixeira porque “o deporte base é o que importa”

O evento de vela, que acapara a atención a nivel nacional e internacional das clases Vaurien, Optimist, Láser, Snipe e 420, inclúe este ano a clase olímpica Finn a petición de regatistas de diversos clubs -o Náutico non ten flota- e, a fin de semana que a actividade deportiva trasládase a Viana, na ría competirán os monotipos J70 na primeira edición do Campionato de Galicia.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, referiuse á proba como “unha regata unión de forzas e de vectores que fan posible a Semana do Atlántico de Vigo e de Viana”. O alcalde celebrou o apoio das administracións públicas e do patrocinio privado “Axuntados dende un sitio excepcional, dende o Náutico, que papel tan importante xogou en Vigo tantas e tantas décadas unindo as administracións para darlle pulo ao deporte do mar”.


O rexedor considerou que “o deporte de base é o deporte de verdade, o que importa. É onde nos queremos centrar. A partir de aí veñen as derivadas do deporte de elite, das medallas nos Xogos, tan importantes que son e tanto orgullo que producen, pero iso ten que partir do deporte como cultura desde os máis cativos, como forma de educación, de facer territorio e cidade. Iso é o que nos move”. E incidiu en que “o ano que vén volveremos estar”.

Pola súa banda, o presidente do Náutico, Justo González Ballesta, apuntou que haberá “máis de 500 embarcacións da vela lixeira, da vela base, da que despois xurdirán os grandes campións”. Ademais, enfatizou que a Semana do Atlántico dará “proxección á cidade ligada seguramente tamén co turismo náutico, con presenza non só dos veciños portugueses senón tamén de flotas de todo o territorio nacional, Bélxica, Reino Unido, Uruguay ou Angola. A cidade acollerá a todo un colectivo de regatistas e familiares que contribuirán ao desenvolvemento da vela, pero tamén ás actividades propias do turismo”.

O primeiro ciclo terá lugar o 15 e 16 de outubro (sábado e domingo) coa participación das flotas de Vaurien, Snipe e Finn nun campo de regatas en triángulo, mentres que noutro campo, en trapecio, regatearán os Láser e os 420. A organización estima que esa fin de semana acudirán uns 120 barcos.

O segundo ciclo, os días 22 e 23, dispútase o Trofeo Cidade de Viana en Viana do Castelo (Portugal), para Optimist, con presenza duns 250 regatistas infantís de España, Portugal, Bélxica e Angola. Ao tempo, na ría viguesa competirán os J70 polo título galego.

E do 29 ao 31 de outubro, en Vigo celébrase o Meeting Internacional Cidade de Vigo de Optimist, primeira das catro probas puntuables da Excellence Cup. Haberá 350 barcos de España, Portugal, Bélxica e Reino Unido.

Ademais, a suma do Trofeo Cidade de Viana e o Meeting Cidade de Vigo dan un campión absoluto da Semana.