Caballero aplaude a aposta da Regata Mar de Maeloc polo protagonismo das Cíes

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, aplaudiu hoxe que por vez primeira a Regata Mar de Maeloc Rías Baixas de Cruceiros remate este sábado cunha etapa final ás Cíes. A proba comeza este mércores (Vigo-Combarro), chegará ata a Ría de Arousa o xoves (A Pobra) e regresará a Vigo o venres para a etapa final coas Cíes como elemento diferenciador.
Publicado por o día 10/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vela,Vigo

Caballero aplaude a aposta da Regata Mar de Maeloc polo protagonismo das Cíes

Para o rexedor, “as Cíes vanse a converter nas dúas grandes boias da ciaboga dos regatistas pois os que vaian pola saída norte farán a ciaboga cara a babor e os que vaian pola sur, a estribor. Será o vento o que decida por cal das dúas opcións opta cada barco”, explicou.Nun acto no pantalán da dársena deportiva da Autoridade Portuaria, co presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, como anfitrión, o dirixente agradeceu o apoio institucional e tanto el como o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, incidiron en que este evento, cuns 70 barcos, contará cos protocolos sanitarios e de seguridade necesarios.

O alcalde, pola súa banda, lembrou que é este “un deporte excepcional” e o Rías “unha regata que supera o medio século na ría e que foi quen de gañar o seu propio espazo, e con letras maiúsculas, nas grandes competicións de vela”.

Caballero tamén conectou o valor dunha proba destas características co momento da vela viguesa, gañadora dos premios masculinos na Gala do Deporte con Nicolás Rodríguez (vencedor absoluto), “que estará nos Xogos Olímpicos”, e Martín Wizner (en categoría promesa).

Para Caballero, é importante “que se saiba que en Vigo e o Náutico estamos na vela e nela imos seguir”, ademais de situarse “sempre á beira do Náutico”. E respecto ao patrocinador, valorou que en “tempos tan difíciles de afrontar” a firma Hijos de Rivera “siga financiando a vela en Vigo”.

O xefe do goberno vigués asegurou que “celebrar esta regata é un acto de optimismo positivo con respecto á nova normalidade” e cubriu de eloxios a quen compite neste deporte: “Nin os máis complexos programas cibernéticos son capaces de igualar a mente dun navegante nun barco de vela. Non se inventou aínda o xeito técnico de emular, nin sequera de lonxe, o que facedes nos barcos”. Porque, como concluíu, “os grandes navegantes nacen en Vigo”.

Á presentación asistiron tamén o concelleiro de Deportes, manel Fernández, o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, o secretario xeral para o Deportes, José Ramón Lete, e Noa Pérez como representante do patrocinador principal privado.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.