Caballero aplaude a nova iniciativa de Galiexpo cun salón para ciclismo e running

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a primeira edición do Galiexpo Salón Bike&Running, exposición enfocada ao ciclismo e ao “running” que se celebrará no recinto ferial do Ifevi do 2 ao 4 de febreiro, coincidindo tamén con Galiexpo Motor Show. “É unha oferta adicional no que xa de seu é unha gran mostra”, sostivo o rexedor.
Publicado por o día 19/01/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero aplaude a nova iniciativa de Galiexpo cun salón para ciclismo e running

Acompañado por membros da organización, patrocinadores e deportistas (o corredor Daniel Bargiela e os bikers Manuel Ferreiro e Daniel Iglesias), xunto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, Caballero avanzou que esta dobre acción significa “dúas formas de entender Galiexpo e dúas formas de facer deporte”, anunciando que o domingo 4 (11:30 horas) o certamen contará cunha carreira popular de 5K e de 10K ao tempo.

Dende a organización, Alba Sánchez apuntou que é “un salón único con espazo para o deporte e para impulsar deportes económicos, sans e eficaces”, que se situará no pavillón 2 de Ifevi. Este espazo de “lecer e de negocio”, segundo explicou, aínda ten aberta a posibilidade de incorporar novas firmas expositoras aos stands e pretende ser a referencia do sector “no noroeste peninsular”.

A proba atlética, cuxa inscripción custa 8 euros (con dúas entradas aos salóns para cada inscrito), será nun 80% polos montes de Cotogrande, con saída e chegada no interior dos pavillóns de Ifevi -terá así certo aliciente de competición indoor-, e a inscrición pode realizarse en www.championchipnorte.com.