Caballero apoia a “Vigo Battle of Teams” de crossfit, esta fin de semana, para que sexa “unha referencia en Europa”

A Vigo Battle of Teams, terceira edición dunha esixente competición de crossfit, deporte de moda importado de Estados Unidos, celebrarase esta semana, de venres a domingo, no complexo deportivo municipal de Samil co patrocinio do Concello de Vigo a través das concellerías de Deportes e Turismo, segundo anunciou o alcalde da cidade, Abel Caballero.
Publicado por o día 31/07/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero apoia a “Vigo Battle of Teams” de crossfit, esta fin de semana, para que sexa “unha referencia en Europa”

Na súa comparecencia diante dos medios o rexedor apuntou que é este “o momento de facer esta competición en Samil” e tamén que no terceiro verán que Crossfit Vigo organiza esta proba, “queremos que sexa unha referencia en Europa”, unha vez constatado polas opinións de deportistas e medios especializados que “é a máis importante de España”.

Caballero, acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, e por varios membros da organización liderados polo seu principal impulsor, Gustavo Veloso, tamén agradeceu o apoio do medio cento de empresas que colaboran co evento.

Veloso explicou que a competición, que reúne cen equipos, contará con deportistas de varias comunidades autónomas, pero tamén de Francia, Portugal e Andorra.

O crossfit é un tipo de adestramento intenso e variado. Os participantes terán que nadar, correr, saltar, facer exercicios de halterofilia, de ximnasia… pois esta disciplina nútrese do atletismo, a ximnasia, a halterofilia ou a natación.

No verán de 2015 disputouse este evento deportivo na praia do Vao, participando 188 atletas de toda España. Hai un ano xa se celebrou en Samil con 300 inscritos e agora serán 500. “Crecemos exponencialmente e non hai un campionato de crossfit que se atreva con tantos participantes”, sostivo Veloso, que cre que a oferta viguesa “dunhas instalacións espectaculares coas Cíes como telón de fondo” é moi atractiva.

Este ano serán 100 equipos e 500 deportistas os clasificados tras unha fase previa nacional na que participaron 1.250 atletas. En Vigo haberá 20 equipos de categoría Intro, 30 de Pro, 30 de Elite e 20 de Máster, é dicir, o dobre de categorías que o verán pasado ao abrirse o evento ás divisións Intro (iniciación) e Máster (veteranos).

O complexo deportivo de Samil e a praia serán os escenarios do campionato. O venres arrinca a competición con dúas probas (ás 16:00 e 18:00 horas), o sábado ás 8:00 horas estarán nadando na praia e ás 12:30 competindo de novo no complexo municipal e o domingo chegarán as probas finais (9:00 e 12:30).