Caballero augura que o terceiro Vigo Street Stunts será “a explosión absoluta” do evento

A cita, que aúna deporte urbano, cultura, gastronomía e música, celebrarase do 8 ao 10 de setembro con novas competicións profesionais e amateur e talleres para todas as idades.
Por o 13/06/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
Caballero augura que o terceiro Vigo Street Stunts será “a explosión absoluta” do evento
Compartir en:

A terceira edición do evento Vigo Street Stunts celebrarase na cidade do 8 ao 10 de setembro na contorna do Naútico. O evento, que inclúe deporte urbano, cultura, gastronomía e música, presentouse hoxe coa presenza do alcalde da cidade e de representantes da deputación de Pontevedra e de empresarios do sector hostaleiro e turístico.

“Estamos encantados de ser compañeiros de viaxe deste grupo de persoas que decide que Vigo se pode vivir tamén desta forma”, afirmou Caballero, que destacou o arraigamento que conseguiu en pouco tempo a cita. “Esta terceira edición vai ser a explosión absoluta e a súa confirmación como referencia do deporte e a cultura urbana en toda España”, engadiu o rexedor.

O evento crece ano a ano e o pasado contou con máis de 30.000 asistentes de 20 nacionalidades e supuxo un 98% de ocupación nos hoteis do centro da cidade. Nesta edición contará con sete espectaculares escenarios distribuídos nunha superficie de 400 metros cadrados.

Alberto Badía, promotor do encontro, anunciou que nesta nova edición haberá novas competicións nacionais e internacionais como o Campionato Internacional de Slackline, deporte de equilibrio practicado sobre unha corda plana, ou o España de Pole Dance, disciplina de baile en barra.

Por outra banda, os mellores graffiteiros de Galicia terán protagonismo nun espazo de 120 metros cadrados e nenos e mozos poderán iniciarse nas diferentes disciplinas nos numerosos talleres gratuítos previstos. O coñecido dj Brian Cros ofrecerá o concerto de apertura o día 8, ao que se unirán outros moitos dj’s durante os tres días do evento.