Caballero celebra o “éxito” do Trofeo Concello de Vigo de pádel, que bateu o récord de inscricións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou nas instalacións municipais de Máis que Auga Barreiro a quinta edición do Trofeo Concello de Vigo de pádel, que se celebrará dende o 1 ao 9 de xullo tanto nas pistas de Barreiro como nas de MQA Navia.
Publicado por o día 30/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Galicia,Pádel,Vigo

Caballero celebra o “éxito” do Trofeo Concello de Vigo de pádel, que bateu o récord de inscricións

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, de Fran Cortegoso, director de Operacións de MQA, de Manuel Pisos, director de Vendas de Percar, e de Antonio Amaro, presidente do Club de Pádel Barreiro, Caballero anunciou un total de 234 parellas inscritas, é dicir, 468 xogadores, un récord que supera os 448 xogadores da exitosa primeira edición de 2012 que se disputou só en Barreiro, pois o complexo de Navia abriu en 2015.

“O pádel estase a converter nunha modalidade que ocupa unha parte importante da acción deportiva da cidade”, asegurou o rexedor, que dixo que co número de competidores inscritos é este “un trofeo de éxito”.

O torneo de referencia do pádel vigués abrangue ata catorce categorías (masculinas, femininas, mixtas e de nenos) e conta con divisións open, pero tamén cadros específicos para federados ao ser un torneo de categoría ouro da Federación Galega de Pádel.

Pola súa banda, Cortegoso felicitouse tamén polo “récord de inscricións femininas”, que “creceron un 15%”, e polo torneo de nenos, con trinta participantes.

O alcalde felicitou á empresa xestora dos complexos municipais porque nun momento en que “cada vez hai máis demanda de instalacións de pádel, Máis que Auga anticipouse ben”.

Ademais, Amaro indicou que este é un “trofeo moi referente en Galicia” e Manuel Pisos, representante do patrocinador privado, Percar (grupo Pérez Rumbao), amosou a súa satisfacción pòr “estar axudando” ao deporte local. É o segundo ano consecutivo que Percar apoia o torneo da cidade e é unha firma habitual no patrocinio do deporte vigués.