Caballero celebra que Vigo volve acoller este domingo a Holi Run

O alcalde invitou a toda a cidadanía a participar desta carreira non competitiva que discorrerá un ano máis en Samil, este ano co obxectivo de chegar aos 10.000 participantes. Vigo acolle a única Holi Run de Galicia, unha proba de 5 quilómetros de ámbito lúdico, con explosións de cor e animación.
Publicado por o día 10/05/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

Caballero celebra que Vigo volve acoller este domingo a Holi Run

Xunto á organizadora, Noemí Latorre, e ao edil de Deportes, Manel Fernández, este martes o alcalde de Vigo presentou no Concello a cuarta edición da Holi Run, que volve a escoller a cidade olívica como única sede do evento en Galicia.

Durante a súa intervención, Abel Caballero manifestou que “a Holi Run se está a converter nun dos máis importantes eventos da cidade”, unha “explosión de cor, de festa, de divertimento”, polo que invitou á cidadanía a tomar parte este domingo dun “evento excepcional que cada ano disfruto máis”.

Esta carreira non competitiva terá lugar na Avenida de Samil este domingo, 14 de maio, ás 11 horas, con cinco quilómetros de animación e toneladas de po de cores que bañarán aos 10.000 participantes que agarda a organización este ano, despois de ter chegado en 2016 aos 9.000.

A organizadora definiu a Holi Run como unha carreira non competitiva de cinco quilómetros, que a xente pode facer correndo, andando ou incluso bailando, onde cada mil metros se lanza po dunha determinada cor, aderezado con animación. Outro dos puntos fortes da festa posterior, tal e como explicou Latorre, será o popular Holi Boom, un lanzamento colectivo de cores que este ano presenta unha novidade, o po “glitter”, é dicir, purpurina, no arco de cores final.