Caballero censura a connivencia de Xunta e Goberno para que Vigo non teña AVE directo a Madrid

O alcalde avanzou que o anuncio das mobilizacións sociais en favor da alta velocidade en Vigo conseguiu que desde Fomento solicitaran, logo de dous anos e medio, informes sobre a Declaración de Impacto Ambiental. Na súa opinión, o Goberno Central, coa connivencia da Xunta, non ten vontade algunha de avanzar na variante de Cerdedo, tal e como evidencia unha carta do responsable de Fomento, Íñigo de la Serna.
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

Caballero censura a connivencia de Xunta e Goberno para que Vigo non teña AVE directo a Madrid

Caballero deu conta esta mañá da recepción da dunha carta do ministro de Fomento en resposta á resolución do Consello Social que se lle enviou o 17 de abril no que se demandaba o AVE directo Vigo-Madrid por Cerdedo e se denunciaba que a Declaración de Impacto Ambiental leva dous anos parada. Segundo o rexedor, a resposta do ministro evidencia o nulo interese do Goberno Central por avanzar nesta variante que leva dous anos e medio no trámite de Impacto Ambiental, “esperando por informes que poderían estar resoltos nun mes”.

A carta di textualmente que esta Declaración “se encuentra pendiente de que la Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Augas de Galicia y la Dirección Xeral de Conservación de la Naturaleza de la Xunta de Galicia emitan informe sobre a información complementaria que se les ha remitido”. O alcalde lembrou que Fomento solicitou a Declaración de Impacto Ambiental para un tramo de 3 quilómetros ao Ministerio de Medio Ambiente o 8 de xaneiro de 2015, “e nese tempo podería terse tramitado a declaración do túnel do Canal de la Mancha”, ironizou.

En opinión do alcalde, a resposta do Ministro “é unha confesión de que non o queren facer, de que o proxecto está metido nun caixón”. Esta falta de compromiso do Executivo ten apoio no goberno autonómico e censurou a “connivencia” de ambas administracións para que Vigo non teña AVE directo a Madrid.

Para rematar, Caballero lembrou o inicio das mobilizacións sociais co concerto reivindicativo que o Concello organizará o 14 de xuño, ás 20,30 h, na Porta do Sol. Insistiu en que os atrasos da variante de Cerdedo son unha “absoluta tomadura de pelo” e advertiu de que “lles imos arrancar o AVE directo a Madrid”.