Caballero cifra en 3 millóns o investimento do Concello de Vigo na ETEA

O alcalde visitou este luns o novo espazo deportivo que está a ultimar o Concello na ETEA, un novo pavillón deportivo resultante do cubrimento da piscina. Abel Caballero recordou que o seu goberno foi quen de abrir a ETEA ao público, recuperar a praia da Punta, reformar o pavillón e facer un campo de fútbol e rugbi, entre outras accións.
Publicado por o día 10/07/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero cifra en 3 millóns o investimento do Concello de Vigo na ETEA

Abel Caballero explicou que está preto de concluir a obra dun novo pavillón deportivo na ETEA ao cubrirse a piscina e habilitar así un novo espazo para outros deportes, cun investimento de 423.000 euros.

O alcalde explicou que actualmente hai ampla oferta de piscinas en Vigo co que “paga a pena” adicar este espazo a outras disciplinas deportivas. Con todo, Caballero engadiu que o sistema de cubrición permitirá, se é preciso, empregar no futuro a piscina, que está lista para ser usada.

O alcalde recordou que a administración que preside foi quen de abrir a ETEA ao público tras décadas de peche, de demoler o muro que a separaba da praia e recuperar así o areal da Punta, distinguida hoxe coa bandeira azul. Ademáis, cifrou os investimentos do Concello na antiga Escola en tres millóns de euros.

Detallou o alcalde que o goberno local destinou 850.000 euros á reforma e posta en uso do pavillón deportivo, ao vestíbulo e os accesos, adicou outros 363.000 euros ao novo campo de fútbol e rugbi, medio millón de euros para o centro de atención municipal de Ríos e o parque infantil, e 800.000 euros máis para a recuperación da senda litoral entre Ríos e A Guía.