Caballero define a carreira Vigo contra o cancro como unha “gran mobilización deportiva e social”

O alcalde convidou a toda a cidade a sumarse á cuarta edición da carreira solidaria que se celebra este domingo día 6 de novembro e que recadará fondos para a investigación con nanofármacos. A inscrición mantense aberta ata este mércores día 2.
Por o 31/10/2016 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
Caballero define a carreira Vigo contra o cancro como unha “gran mobilización deportiva e social”
Compartir en:

Con saída e meta na avenida de Castelao, na zona dos volcáns, lugar tradicionalmente elixido pola Asociación Vigo contra o cancro que lidera Rosa Soliño, ás 10:00 horas darase a saída á proba non competitiva de 5.000 metros e ás 10:40 disputarase a carreira de 10 quilómetros, que por vez primeira entra no circuíto pedestre municipal Run Run Vigo.

“É sobre todo unha carreira solidaria”, incidiu o rexedor, que animou á cidadanía a que o domingo se achegue a Coia para seguir a proba que será, ao seu entender “unha gran mobilización deportiva e social”. “Inscribirse é a contribución activa”, explicou.

A carreira mantén aberto ata o mércores o prazo de inscrición, sendo a día de hoxe máis dun milleiro os atletas confirmados (717 nos 5.000 e 349 na puntuable para o circuíto Run Run Vigo). Participar na non competitiva ten un custo de 8 euros, 12 euros na de 10.000 metros.

O diñeiro obtido irá a un proxecto de investigación contra o cancro. Este ano a axuda económica chegará ao desenvolvemento de nanofármacos antitumorais, acción conxunta da Universidade de Santiago (grupo Xenética de Enfermidades Humanas e grupo Magnetismo e Nanotecnoloxía) e da Universidade de Burgos (Departamento de Química). Fernando Domínguez, en representación dos científicos, explicou que o primeiro paso para atacar o cancro é “o exercicio físico”, pois a obesidade é factor favorable á aparición desta enfermidade. Respecto do seu proxecto indicou que é un tratamento innovador ao descubrir que os nanomateriales “alcanzan ata os sitios máis recónditos do organismo” sen danalo e onde non chegan outros fármacos.

Na suma das tres edicións anteriores entregáronse algo máis de 23.000 euros aos equipos de investigación.

A carreira, patrocinada polo Concello de Vigo, mantén o percorrido habitual, é dicir, saída e meta nos volcanes de Castelao e paso por Porriño, Padre Seixas, Florida, Praza América e Castelao. O ano pasado houbo un paso pola Miñoca que este ano se eliminou. Os participantes no 5.000 dan unha volta a ese circuíto; os que corran o 10.000 darán dous.