Caballero desexa que os Xogos Deportivos de Reis, en xaneiro, sexan “un éxito” para os 500 participantes

O alcalde, acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, departiu hoxe con clubs, organizadores e ata con algúns nenos que participarán nos Xogos que se celebran no complexo municipal das Travesas do 2 ao 4 de xaneiro
Publicado por o día 22/12/2017 na sección de Concello de Vigo,Eventos,Galicia,Vigo

Caballero desexa que os Xogos Deportivos de Reis, en xaneiro, sexan “un éxito” para os 500 participantes

O alcalde, acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, departiu hoxe con clubs, organizadores e ata con algúns nenos que participarán nos Xogos que se celebran no complexo municipal das Travesas do 2 ao 4 de xaneiro.

Por segundo ano consecutivo, os Xogos Deportivos de Reis levarán a medio milleiro de nenas e nenos a practicar unha das cinco actividades deportivas que o Concello oferta nestas festas de Nadal.

Se na primeira edición foron fútbol 8, fútbol sala e balonmán as modalidades programadas pola Concellería de Deportes, nesta oportunidade a elas incorpóranse o ciclismo e a patinaxe en liña.

Os cinco deportes, nun evento non competitivo, contan co apoio loxístico de Club Ciclista Vigués, Aspofusa (fútbol sala), Freestyle Slalom Vigo (patinaxe en liña), Federación Galega de Balonmán, a Fundación VIDE e Belarmino Alonso, Milucho, coordinador do Trofeo Concello de Vigo de fútbol de escolas municipais. Ademais, Coca-Cola e Frutas Nieves colaboran co torneo.

O alcalde, que celebrou a exhibición co balón dun dos nenos, agradeceu o esforzo das entidades e desexou a todos que o torneo de base sexa “un éxito”. Cuns 200 nenos e nenas en fútbol sala, entre as cinco disciplinas moveranse medio milleiro de participantes de idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos. A actividade desenvolverase nas Travesas: pista de rodadura, campo de fútbol, Frontón e Pavillón do Carme.

O Concello premiará por igual a todos os inscritos cunha medalla do torneo porque non hai vencedores nin vencidos, do mesmo xeito que sucede na liga municipal de fútbol 7. O mércores 4 de xaneiro, a clausura.