Caballero destaca a importancia da sustentabilidade para que Vigo se manteña como “centro mundial da pesca”

O alcalde inaugura a IV Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca, que avoga pola educación nutricional como base dun futuro saudable.
Por o 22/06/2017 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
Caballero destaca a importancia da sustentabilidade para que Vigo se manteña como “centro mundial da pesca”

A importancia de seguir traballando nunha pesca sustentable para conseguir que Vigo se manteña como “centro mundial da pesca” foi unha das claves que o alcalde destacou durante a inauguración da IV Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca, que se celebrou esta mañá na sede da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI). “Sen a pesca industrial habería moita máis fame no mundo, pero é esencial que a forma de entender esta tarefa réxase polas claves da sustentabilidade, algo que os investigadores nos lembran a diario e aos que agradecemos o seu traballo”, afirmou Caballero. Xunto ao alcalde, asistiron á inauguración Rosa Quintana, conselleira do Mar da Xunta; Alberto López-Asenjo, secretario Xeral de Pesca do Goberno de España; Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo e Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo.

O rexedor encomiou ademais as calidades da alimentación baseada no peixe e puxo unha nota de humor ao destacar a dieta “atlántico-viguesa” como “a mellor do mundo”. “A globalización é unha realidade e temos que lanzar produtos de alta calidade para facelos próximos á cultura dos consumidores”, indicou. Por último, Caballero apostou por que todos os sectores relacionados coa pesca, desde a extracción ao consumidor, estean en perfecta coordinación xa que “a pesca é un factor insubstituíble na economía de Galicia e na xeración de sinerxias desde o país no que vivimos”.

Nesta liña, a IV Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca fixouse como meta por unha banda garantir que a Seguridade Alimentaria sexa un factor relevante a ter en conta conxuntamente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e, por outro, destacar a importancia que hoxe en día ten a educación nutricional para a poboación mundial, xa que iso reducirá os factores de risco relacionados coa saúde.