Caballero di que o consenso social é requisito “imprescindible” para nomear Cíes Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo reiterou esta mañá que a candidatura Illas Cíes Patrimonio da Humanidade segue o seu curso, logo de catro anos de campañas de sensibilización social. En declaracións aos medios, contrapuxo o consenso maioritario do que goza a proposta municipal fronte á candidatura do Parque das Illas Atlánticas, impulsada pola Xunta sen o máis mínimo compromiso coa sociedade.
Por o 26/05/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
Caballero di que o consenso social é requisito “imprescindible” para nomear Cíes Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo lembrou hoxe venres que, segundo esixe a UNESCO, a declaración de Patrimonio da Humanidade é un reto que teñen que asumir todos os sectores da sociedade civil, un consenso masivo de todo un territorio. Polo tanto, son fundamentais as campañas de sensibilización, concienciación e participación da cidadanía así como de todos os axentes sociais, na liña na que veu traballando o Concello de Vigo nestes últimos catro anos. A Xunta, coa súa proposta “apresurada, clandestina e oscurantista” do Parque das Illas Atlánticas, está a poñer en risco este proceso, co único obxectivo de “rebentar” a proposta das Illas Cíes.

Caballero insistiu en que a candidatura de Cíes segue adiante e avanzou que a Xunta está obrigada a trasladar a proposta que o Concello lle fará chegar para que, a súa vez, se lle remita ao Ministerio de Cultura e, deste xeito, poida formar parte da lista indicativa patrimonio mundial. Segundo explicou, trátase dun inventario de bens importantes de patrimonio cultural e natural situados nun país, considerados de posible valor universal excepcional. Para que un país poida propoñer ao centro de Patrimonio Mundial calquera ben, este debe levar ao menos un ano na lista indicativa.