Caballero: “É posible ampliar a actividade do Porto sen un só metro cadrado máis de recheo”

O Concello xa enviou a súa alegación ao recheo que a Autoridade Portuaria proxecta en Bouzas advertindo de que o necesario crecemento do espazo portuario é posible sen un só recheo máis na Ría. O alcalde avogou en rolda de prensa por accións como o actual silo para coches, que permite multiplicar a superficie útil por catro sen causar dano algún ao medio ambiente.
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde de Vigo reiterou esta mañá que resulta inviable e inadmisible propoñer novos recheos sobre a ría. Así o fai constar o Concello no “Informe relativo á consulta sobre o alcance da avaliación do impacto ambiental do proxecto inicial de Ampliación da terminal de Bouzas” que vén de enviar á Autoridade Portuaria e que será incluído na Xerencia de Urbanismo da próxima semana.

O documento presentado, segundo explicou o rexedor e tal e como prevé a lei, establece tres variantes que parten dunha idéntica proposta, a xeración de máis espazo portuario, maior liña de atraque e maior número de atraques con novos recheos na ría. A primeira das alternativas suporía gañar catro atraques e ocupar 82.141 m², a segunda, 3 atraques e 75.572m2 e a terceira, dous atraques e 60.000 m². En rolda de prensa, o rexedor reiterou o “inadmisible” seguir ocupar espazo no mar e avogou por propoñer solucións que, a curto, medio e longo prazo, garantan a operatividade do Porto sen que sexa preciso continuar facendo recheos na ría “que teñen que acabar para sempre”. O seu “extraordinario” valor medioambiental que aínda se quere incrementar coa iniciativa de presentar a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade fan inadmisible calquera proposta de recheo.

Respecto da proposta do Porto de levar o ferrocarril á terminal de Bouzas “rompendo a cidade”, o alcalde reiterou que non se coñece o seu obxectivo nin a súa capacidade de xerar riqueza na cidade ao deixar fóra da súa potencial captación de tráfico os vehículos producidos en Citroën. Explicou que, curiosamente, o solo ocupado por este posible proxecto de ferrocarril excedería a ampliación de capacidade que co recheo proposto en Bouzas se propón conseguir e todo isto nunha terminal portuaria que o propio porto define como saturada.

Na súa intervención, referiuse á necesidade de implementar un plan de choque a medio e longo prazo que garanta que o Porto e, en particular a terminal de Bouzas, aloxe e ordene axeitadamente as actividades portuarias. A curto prazo, defendeu actuacións como o silo de coches que xa existe en Bouzas e que permite multiplicar a superficie por catro sen un so metro cadrado de recheo. En medio prazo, e a medida que venzan as concesións haberá que reubicar actividades que nada teñen que ver coa carga e descarga co que se gañarán espazo libre para loxística ro-ro. Por último, aludiu á necesidade de incorporar a PLISAN ás actividades organizativas do Porto e da industria de Vigo.

Caballero ofertou cooperación entre Concello, Autoridade Portuaria e ADIF para gañar superficie de contedores en Areal ou Guixar onde o espazo está infrautilizado. Por tanto, insistiu, “é posible ampliar a actividade do Porto sen crear un só metro cadrado de recheo”. Na mesma liña, instou á Autoridade Portuaria a redactar un Plan de Usos sen recheos “porque son a morte da Ría e xa se fixeron máis dos que se podían facer”.

A modo de conclusión, o alcalde solicitou a paralización inmediata da tramitación do “Proxecto de ampliación de instalacións da terminal de Bouzas no Porto de Vigo” e insistiu en que hai un plan posible de desenvolvemento para garantir o crecemento do Porto de Vigo – moi importante- sen necesidade de recheo algún.

Comentar noticia

Your email address will not be published.