Caballero esixe á Xunta a posta en funcionamento do autobús ao aeroporto

O alcalde reclama a activación do convenio para que a Xunta subvencione un autobús ao aeroporto, tal e como fai en Santiago. O Concello enviou en setembro as observacións ao texto do convenio e aínda non obtivo resposta.
Publicado por o día 15/12/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo,Xunta de Galicia

Caballero esixe á Xunta a posta en funcionamento do autobús ao aeroporto

Abel Caballero demandou este xoves ao Goberno Galego a posta en funcionamento “inmediata” da subvención autonómica para poder dispoñer na cidade dun autobús que comunique co aeroporto “exactamente igual que o teñen en Santiago”.

Na capital de Galicia, tal e como apuntou o rexedor, a Xunta ten concedida unha axuda ao Concello de 340.000 euros para a liña de autobús que comunica a urbe co aeroporto. No caso de Vigo, o convenio entre as dúas administracións está parado dende que o 5 de setembro, o Concello enviara ao Goberno galego “as nosas observacións” sobre o texto para proceder á súa sinatura de forma inmediata”. Dende entón, reitera Caballero, “non tivemos noticia sobre a subvención da Xunta ao aeroporto de Vigo”.