O rexedor explicou que “o que queremos con este memorial é lembrar a Quino, un gran deportista, e cada vez que falo con todos vós me quedo con mellor idea de Salvo, porque todos falades ben, quédome coa sensación de gran deportista, persoa e especial por como era”.
Moncho Lago, presidente da Asociación Quino Salvo -releva a Julio Bernárdez-, explicou que o obxectivo básico é que se saiba que “isto é un recordatorio a Quino, que facemos e organizamos para honrar a súa memoria, a dun amigo noso de toda a vida, un profesional do baloncesto espectacular e persoa brillante”.
Lago manifestou que “nós sos non o poderiamos facer pola nosa conta, sería imposible”, polo que agradeceu o patrocinio do Concello por cuarto verán consecutivo.
Os actos comezarán o vindeiro día 19 cunha nova exposición fotográfica en Príncipe “máis centrada na figura de Salvo e en fotos máis recentes” do baloncesto vigués.
O día 7 de setembro haberá o torneo de minibásquet na Praza do Rei ou en Navia, con 150 nenas e nenos de categoría alevín. E o martes 10 (20:30 horas, As Travesas) o partido entre o “Obra” e o Alba, “subcampión da Eurocup e da Bundesliga e un gran equipo de básquet”, dixo Caballero. Dirixe ao cadro berlinés, “un superequipo”, apuntou Lago, “un vello raposo do baloncesto español e un dos adestradores máis laureados de Europea, Aíto García Reneses”.
Mari Carmen e José Ángel Salvo, irmáns de Quino, asistiron á rolda de prensa e apuntaron, e agradeceron, en palabras de José Ángel, “o esforzo e dedicación para seguir mantendo un pouco viva a memoria do noso irmán. É moi emotivo para a nosa familia reencontrarnos cos seus amigos, coas fotos, lembranzas e vivencias”.
Caballero tamén asegurou que “sigo coa idea da importancia dun gran equipo de baloncesto en Vigo, na máxima división, e sigo mantendo esa parte do proxecto, o conseguir un equipo na ACB en Vigo. E para iso hai que facer algunhas accións que levaremos adiante, pero esta vez é o Memorial e a nosa satisfacción de patrocinalo, de presencialo e de mobilizar ao baloncesto”.
Noticias de última hora en Vigo