Caballero estima que os compromisos de Montero suporán entre 5 e 7 millóns máis para Vigo

O alcalde valorou este martes a “magnífica” reunión celebrada onte coa ministra de Facenda, que supuxo avances no teito de gasto, no investimento do superávit, na liquidación do IVE e na devolución da plusvalía. Abel Caballero cifrou o beneficio para Vigo entre os 5 e 7 millóns.
Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero estima que os compromisos de Montero suporán entre 5 e 7 millóns máis para Vigo

Abel Caballero celebrou o resultado da reunión coa ministra de Facenda, María Jesús Montero, como alcalde e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, pois para a cidade poderá supoñer en total entre cinco e sete millóns de euros.

O rexedor recordou que propuxo á ministra, e esta aceptou, a constitución en quince días do grupo de traballo para o teito de gasto, pois a FEMP pretende que o novo teito de gasto sexa de aplicación neste 2018. A ministra comprometeuse ademais a estudar a suxestión do alcalde de ampliar os usos permitidos para o reinvestimento dos superávit que consigan os concellos. Unha vez a lei orzamentaria estatal incluirá o permiso para gastar no 2019 o excedente deste ano en cada concello, Abel Caballero recordou que xa está prevista unha primeira ampliación dos usos -en gasto social, de emprego e de vivenda-.

Abel Caballero e María Jesús Montero tamén abordaron outras cuestións a abordar entre as administracións locais e a xeral do Estado, como o sistema de liquidación do IVE ou as plusvalías. No tocante ao primeiro, o tamén presidente da FEMP indicou que a ministra considerará un cambio nos prazos establecidos para poder ter máis recursos dispoñibles, que poderá ascender a tres ou catro millóns de euros.

Sobre as plusvalías, está en tramitación a nova lei para adaptar o imposto á sentencia do Tribunal Constitucional e a ministra de Facenda propuxo constituír, una vez aprobada a norma, un grupo de traballo para tratar as devolucións e a forma de resarcir ás administracións locais pola diminución dos ingresos.

O alcalde vigués valorou que o novo Goberno de España teña enfocadas estas demandas dos concellos, ás que o anterior ministro, Cristóbal Montoro, ofrecera unha “negativa continua”, en verbas de Caballero.