Caballero estudará accións conxuntas cos axentes sociais en defensa da Sanidade Pública en Vigo

O alcalde mantivo unha reunión cos representantes dos sindicatos ante a “preocupante” situación da sanidade en Vigo. “É necesario máis persoal e a construción de cinco novos centros de saúde na cidade”, sinalou
Publicado por o día 15/01/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero estudará accións conxuntas cos axentes sociais en defensa da Sanidade Pública en Vigo

Abel Caballero anunciou este luns que estudará conxuntamente cos axentes sociais da cidade levar a cabo accións en defensa da Sanidade Pública en Vigo. O rexedor recibiu aos representes dos sindicatos e deu o seu apoio á vindeira mobilización que levarán a cabo nas rúas viguesas.

“Compartimos a inmensa preocupación polo deficiente estado da Sanidade en Vigo, cunha poboación de medio millón de persoas que están a soportar as listas de espera e unha intolerable situación cun problema previsible nesta época como é a gripe”, sinalou o alcalde tras manter unha xuntanza cos representantes de CCOO, UGT e CIG.

Caballero alertou de que a cidade carece de infraestrutura sanitaria polo “evidente fracaso do Hospital Álvaro Cunqueiro” e porque a Xunta “non adica recursos para atender ás persoas que o necesitan”. Así, considerou que estamos ante “a confluencia dun histórico erro, como é a forma na que foi deseñado o novo hospital, e os recortes da Xunta en Sanidade, que Vigo padece de maneira moito máis dramática”.

Neste senso, o alcalde explicou que a administración autonómica debería ter construído cinco cinco centros de saúde durante a etapa de Alberto Núñez Feijóo a fronte do goberno, polo que emprazouno a iniciar de forma inmediata as obras das novas instalacións de Bouzas, onde o Concello cedeu os terreos e para os que xa existen fondos.

“Sabíamos que ía a pasar todo isto cando fixemos a masiva manifestación, mobilizáronse 200.000 persoas porque previamos isto que acaba de pasar, unha mala atención desde o Hospital Álvaro Cunqueiro polas deficiencias, pola forma na que está concibido, por ser un hospital privado e pola desatención aos centros de saúde, aquela grande manifestación tiña razón, os feitos o corroboran”, apuntou Caballero.

O alcalde tamén destacou o celo dos profesionais na Sanidade para mitigar os problemas, pero alertou de que as deficiencias estruturais non poder ser resoltas, polo que é necesario unha “reformulación” da Sanidade en Vigo. “Primeiro hai que reconsiderar a estrutura de funcionamento do novo hospital, segundo é necesario máis persoal e terceiro teñen que empezar a construción dos centros de saúde”, indicou.

Abel Caballero recoñeceu estar “alarmado” pola situación e anunciou que enviará unha carta ao presidente da Xunta para solicitarlle que resolva o problema. “Quero incorporar sectores sociais e estudaremos conxuntamente accións para seguir coa denuncia da lamentable situación da Sanidade en Vigo, a sociedade está moi alarmada, iniciarei contactos con outros sectores sociais porque ten que haber unha reacción da Xunta”, engadiu.