Caballero frivoliza coa nosa miseria

Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,ODS Coia,Social,Vigo

Caballero frivoliza coa nosa miseria

O pasado luns 8 de outubro Caballero daba unha rolda de prensa no concello, o medio do réxime, o Faro de Vigo, daba cobertura con este titular: “El cheque social bate todos los récords y el Concello pagará 5.611 ayudas desde el jueves”. O alcalde falaba ante os medios da resolución do programa de Axudas Extraordinarias a Familias, o coñecido como “Cheque Social”. Grandes números pensados para a “galería” e para encher -semana tras semana- a cidade de noticias “fake”.
Fronte aos titulares nós padecemos a crúa realidade. Os números dos que non fala o alcalde son que das 2950 solicitudes, algo máis de 1000 ficaran fóra destas axudas. Alén dos números, o que nos alporiza é ollar como dende o goberno frivolizan coa nosa miseria. Esta mañá acudiron unhas veciñas ao punto. Tan preocupadas como alporizadas, preguntaban se tiñamos novas sobre a resolución do cheque social. Escoitaran hai unha semana as verbas do alcalde dicindo que ían iniciar o pagamento dos mesmos. Nos servizos sociais e no teléfono de información municipal, nada sabían.
Seica que para os que mandan 7 días sen saber nada duns centos de euros non son problema. Porén para aquelas que ficamos sen recursos suficientes para iniciar e rematar os meses, unha semana é demasiado tempo. En moitas asembleas e xuntanzas preguntámonos canto tempo serían quen de aguantar Caballero ou Feijóo cos 400 € dunha RISGA ou dunha Pensión Non Contributiva.
Temos dito que medidas como o “cheque social” ou a RISGA lonxe de sacarnos da miseria, afóndannos máis nela. Lonxe de mudar as condicións que orixinan a nosa desposesión, fixan e lexitiman estas políticas de “mal reparto”.
Fronte a deriva asistencialista, privatizadora e recortadora das políticas sociais da cidade, esiximos dereitos sociais fortes que garantan unha vida digna para todas. Abonda xa de facer negocios coa nosa miseria e de criminalizarnos polo feito de seren empobrecidas.
Seguiremos na loita pola Renda Básica das iguais e moito máis!