Caballero: “Necesitamos a unión de todos, lealdade e coordinación institucional fronte a pandemia”

Abel Caballero compareceu este venres na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia, celebrada no Parlamento autonómico, onde o rexedor avogou pola “unión de todos os actores, pola coordinación institucional e a lealdade” para loitar contra a pandemia.
Publicado por o día 20/11/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero: “Necesitamos a unión de todos, lealdade e coordinación institucional fronte a pandemia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, compareceu este venres na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural, celebrada no Parlamento de Galicia, para falar da situación actual da cidade de Vigo neste momento de crise sanitaria. “Culpar aos de arriba, ao Goberno central, e pasar as responsabilidades aos de abaixo, aos concellos, sen recursos é un modelo chamado a fracasar. Isto non é un estado piramidal”, advertiu o rexedor. Posteriormente, na rolda de prensa criticou a actitude do secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, durante a súa comparecencia e lamentou que o deputado non aproveitase a súa intervención para aclarar as medidas tomadas polo Goberno local para loitar contra a crise sanitaria.

Na Cámara Galega, Caballero reclamou “lealdade” e “coordinación institucional” para afrontar a reactivación económica e social após a pandemia, e advertiu de que a Xunta debe transferir recursos ás entidades locais porque España non é “un Estado piramidal” e debe haber colaboración transversal. Así o manifestou na súa comparecencia na comisión de reactivación económica, social e cultural.

O alcalde de Vigo subliñou que, no contexto da pandemia, “foron os concellos os que asumiron unha parte moi importante” da acción, especialmente en materia de políticas sociais e de protección a persoas vulnerables, e volveu a denunciar que, a pesar de que o goberno galego recibiu fondos do Executivo central, non transferiu “nin un só euro” deses recursos aos concellos. Caballero lembrou que, entre as responsabilidades asumidas polas entidades locais, están as axudas a comerciantes e hostaleiros, e mostrou a súa “estupefacción” polo fondo de 17 millóns anunciado pola Xunta para o sector e que suporía “unha axuda de 500 euros a cada establecemento”.

Finalmente, insistiu en denunciar o “escurantismo inmenso” da Xunta na pandemia, repetiu que non tivo información dos contaxios “até hai dúas semanas”. “Estivemos ás escuras durante 6 meses. E, polo menos no caso de Vigo, hai que duplicar as PCR, multiplicar os rastreadores e reforzar a Atención Primaria”, proclamou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.