Caballero pon en valor os premios VIDE, que recoñecen sete traxectorias do fútbol local na temporada 15/16

O alcalde fixo entrega hoxe dos premios VIDE 2015/16 cos que a Fundación Vigo en Deporte recoñece a traxectoria do fútbol local.
Publicado por o día 15/02/2017 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Vigo

Caballero pon en valor os premios VIDE, que recoñecen sete traxectorias do fútbol local na temporada 15/16

O rexedor, que lembrou a forza do fútbol na sociedade actual, tamén admitiu que estes son tempos de “enorme protagonismo do deporte” e retou á colexiada premiada, Alicia Andrés, a que “chegues a internacional. Cando debutes irei ver ese partido”, díxolle.

Os premios VIDE foron unha vez máis unha homenaxe ao fútbol local, pivotando maioritariamente sobre a Vigo Cup, da que varios premiados formaron parte durante a súa traxectoria.

O céltico Brais Méndez (Vigo, 1997), mellor promesa sub 21, e Noelia Pereira (Atlántida de Matamá), foron declarados os mellores futbolistas da campaña 15/16. O mediocentro zurdo, que foi internacional sub 17, sub 18 e sub 19, debutou na 2ªB e é unha das perlas da canteira; con 51 goles Pereira foi a “pichichi” da liga e do Matamá na tempada do ascenso a Segunda División.

O xefe do goberno local tamén entregou premios ao mellor adestrador (José Ramón Val, “Chicho”, Matamá), directivo (Humberto Pérez, Areosa) e árbitro (Alicia Andrés). “Chicho” guiou ao Atlántida de Matamá ao ascenso a Segunda, onde agora é o equipo revelación, Humberto leva tres décadas no Areosa como técnico e dirixente e tamén foi activo colaborador da Vigo Cup. Pola súa banda, a árbitra é habitual na Vigo Cup e este ano dirixiu a final da Copa Vigo masculina que gañou o Gran Peña no Vao.

Para rematar, valorouse ao Gran Peña como mellor club (en 2016 cumpriu 90 anos de historia e conquistou a Copa Vigo ao final da tempada por vez primeira na súa historia), recollendo Carlos Blanco, o seu presidente, o galardón. Pablo Tojeiro (New Balance) recibiu o premio ao mellor sponsor pola súa fidelidade coa Vigo Cup e o torneo de penaltis.