Caballero propón crear unha mesa de diálogo para abordar o acceso do transporte pesado á cidade

Este foro -integrado por Concello, Xunta, Porto, Zona Franca e asociacións de transporte e loxística- trataría do acceso dos vehículos pesados deste Teis ao centro e tamén da chamada “Cidade do Transporte”. Tras reunirse con empresarios do sector, Caballero anunciou que remitirá unha carta a Núñez Feijóo coa proposta.
Publicado por o día 21/02/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

Caballero propón crear unha mesa de diálogo para abordar o acceso do transporte pesado á cidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo a creación desta mesa de diálogo nunha reunión con representantes do Círculo de Empresarios de Galicia, da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR) e de LOGIDIGAL, que agrupa a empresas de transporte e loxística portuaria.

O foro sentaría ao Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Porto de Vigo, Zona Franca e asociacións de transportistas e loxísticas, e serviría para abordar os accesos dos vehículos pesados ao centro da cidade e tamén a chamada “Cidade do Transporte”. O alcalde invitará á Xunta de Galicia a participar a través dunha carta que remitirá ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e tamén o proporá á Zona Franca e ao Porto de Vigo. “Creo que axudaría moito a resolver problemas de loxística e transporte na cidade que neste momento nin sequera están sendo considerados pola Xunta de Galicia”, concluíu.

Empresas e goberno de Vigo están de acordo no planteamento municipal de requerir da Xunta de Galicia que faga conexións coa autopista en Teis, á altura de Buenos Aires, que permita accesos desde o centro a Teis e viceversa. Caballero ve “insostible” que Sanjurjo Badía sexa a vía de entrada á cidade de camións pesados e expuxo que facer os nomeados accesos á AP9 presenta a “gran vantaxe” de ser unha zona libre de peaxe.

Na reunión, Caballero trasladou “todo o noso apoio” ás empresas loxísticas, de importancia “central” para Vigo, e tamén respaldou unha Cidade do Transporte coa Zona Franca e na que a Xunta de Galicia asuma a súa competencia e achegue recursos económicos. O rexedor explicou que tanto o Concello como o sector piden coñecer este proxecto.