Caballero reclamará máis competencias para os concellos cando se reforme a Constitución

Abel Caballero defendeu esta mañá o importante papel que xogan as administracións locais no contexto político actual e avogou porque a reforma da Constitución recolla un aumento das competencias municipais. Así o manifestou no almorzo informativo Forum Europa no que participou este mércores no Hotel Pazo Los Escudos e no que foi presentado pola concelleira de Políticas de Benestar, Isaura Abelairas.
Publicado por o día 22/11/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero reclamará máis competencias para os concellos cando se reforme a Constitución

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP sinalou este mércores no Forum Europa. Tribuna Galicia que a reforma da Constitución que ten que afrontar España debe outorgar máis competencias para as cidades”, ao tempo que terá que solucionar o problema territorial, sempre respectando “liñas vermellas” que son intocables. Na súa conferencia defendeu un novo espazo para as administracións locais porque “hai un sistema distinto de competencias, xa non somos os concellos da metade do século XX que arranxamos fochancas: queremos opinar sobre o que se prioriza, temos que ter competencias en ámbitos importantes nos que somos receptores e transmisores”, recalcou.

“En Vigo estamos entendendo a política local dunha forma moi diferente a outras cidades, nun momento de gran estabilidade”, indicou ante numerosos representantes do sector económico vigués. Asegurou que “a Galicia do século XXI está a experimentar a gran eclosión de Vigo que quere e demanda o seu espazo para levar Galicia adiante, porque facelo sen Vigo non é posible”. Neste senso, insistiu en que a cidade ten sido moi “xenerosa” coas decisións que a mantiveron ao marxe, como a elección da capital de Galicia, as capitais de provincia ou a ubicación noutras cidades de organismos como o Tribunal Superior de Xustiza. Nestes momentos, reiterou, “Galicia ten unha débeda histórica sen saldar con Vigo”.

O alcalde argumentou que “Vigo é o que é grazas a súa economía” e avanzou na súa intención de seguir a ser un goberno predicible e de apoio á actividade económica “non quero ser un goberno rebelde e contestatario”. No seu relatorio, defendeu as boas relacións que mantén actualmente o Concello co Goberno central, coa Deputación de Pontevedra ou co Consorcio da Zona Franca, aínda que foi máis crítico referíndose a cuestións como o “abandono de estradas autonómicas, a negativa a abordar a conversión da AP9 en vía urbana á altura de Teis, o intento de “pechar” o aeroporto ou a paralización da Área Metropolitana. A este respecto a esta última cuestión, asegurou que o ente supramunicipal se porá en marcha tras as próximas eleccións municipais porque “así llo vai esixir á cidade” .

Por último, destacou que Vigo aprobou os novos orzamentos municipais para 2018 hai xa unha semana, unhas contas que revelan de novo o bo estado de saúde das arcas municipais e comparou esta situación co resto de municipios españois. “Mentres concellos como Madrid están intervidos ou outros A Coruña ou Zaragoza non teñen orzamentos, nós aprobamos as contas máis importantes de historia, coa presión fiscal máis baixa e o tempo de pago a provedores máis curto”, subliñou.