Caballero: “Se a xente non pode vir visitar o Nadal, Vigo irá ás súas casas”

O alcalde avanzou este luns que non sacará a concurso a noria e o mercado de Nadal da Alameda despois de que quedara deserta a licitación. Abel Caballero insistiu en que o Concello xa manexa varios escenarios para celebras as festas, todas elas “con seguridade cen por mil”, e insistiu na prudencia.

“Se os cidadáns non poden vir a Vigo e os de Vigo non poden achegarse, o Nadal irá ás súas casas”. Abel Caballero explicou este luns en rolda de prensa que xa ten previsto diferentes escenarios para celebrar o Nadal na cidade e en todos eles a prioridade será a seguridade total fronte a pandemia do Covid-19.

O alcalde de Vigo sinalou que o Concello non volverá a sacar a licitación a noria e o mercado da Alameda despois de que o concurso quedara deserto e ningunha empresa presentase ofertas. “Cremos que se o sacásemos de novo si se presentaría algunha empresa pero imos actuar con prudencia”, explicou.

Ademais, Caballero apuntou que o Concello ten “diferentes escenarios na cabeza” e tomará todas as decisións en función de “como evolucione a pandemia e non se descarta mesmo que todo teña que ser telemático e por streaming, como por exemplo, o acto de aceso da iluminación do Nadal”.

O alcalde explicou que a montaxe do alumeado de Nadal nas rúas levouse a cabo porque “xa estaba contratado cun prezo moi vantaxoso e o resto de cidades de España tamén as están instalando”. Tamén indicou que xa se está a montar un sistema de cámaras para controlar o número de persoas que estean nas principais rúas adornadas do centro da cidade.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario