Caballero sinala que Feijóo “esquece os avances do goberno socialista” porque “só pensa nos intereses de Casado en pactar coa ultradereita”

Publicado por o día 28/03/2019 na sección de Política,PSOE

Caballero sinala que Feijóo “esquece os avances do goberno socialista” porque “só pensa nos intereses de Casado en pactar coa ultradereita”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe varios municipios da Mariña lucense en compañía da alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; os alcaldes de Alfoz, O Valadouro e Burela, Jorge Val, Edmundo Maseda e Alfredo Llano; o candidato ao Senado por Lugo, César Mogo, e a deputada autonómica Patricia Otero, entre outros membros do partido na bisbarra.

Alí, o líder dos socialistas galegos puxo o foco na situación dos pequenos municipios, que sofren “desatención e abandono” por parte da Xunta, para esixir a Feijóo que “poña a cabeza” nos carencias do medio rural tanto en materia de infraestruturas coma de solo industrial e de servizos públicos.

Así o dixo Gonzalo Caballero antes de participar na concentración en defensa da sanidade pública en Burela, dende a convicción de que os pequenos concellos de Galicia son “unha cuestión de futuro”, e reclamou a Feijóo que dea “alternativas” que permitan “revitalizar” o medio rural.

Fronte a isto, o máximo dirixente do PSdeG recordou que os socialistas “temos un proxecto de goberno para a maioría”, como ten demostrado Pedro Sánchez, quen en nove meses “permitiu que os galegos e as galegas vexan a importancia de ter un goberno de esquerdas”.

É por iso que Gonzalo Caballero afeou as críticas de Feijóo: “Mentres o goberno socialista subiu as pensións, eliminou o copago farmacéutico, aumentou a protección dos autónomos, deu garantías aos desempregados de larga duración…, Feijóo vive na súa realidade e di que a Galicia vaille mal”.

“Cando ataca ao goberno socialista, Feijóo é un jetas que se esquece dos avances do goberno socialista para os pensionistas, para os desempregados e para os que cremos na educación e na sanidade públicas e só pensa no PP e nos intereses de Casado en pactar coa ultradereita”, concluíu o líder do PSdeG.

VISITA Á MARIÑA

O secretario xeral do PSdeG visitou hoxe varios concellos da Mariña, onde aproveitou para visitar a cooperativa da IXP Fabas de Lourenzá e a empresa de carrocerías Hermanos García Rega e para manter un encontro cos armadores de Burela.